Desde o BNG de Ribadeo denuncian a actitude "case servil" do alcalde con respecto a Alfonso Rueda

AMariñaXa
O BNG de Ribadeo bota en falta un pronunciamento claro do presidente da Xunta e do alcalde de Ribadeo sobre as inversións que o PP prometeu para Ribadeo e que nunca se concretan.
21 Xan 2024

O BNG de Ribadeo bota en falta un pronunciamento claro do presidente da Xunta e do alcalde de Ribadeo sobre as inversións que o PP prometeu para Ribadeo e que nunca se concretan.

Así, din que coa visita do presidente en funcións da Xunta a Ribadeo e coa actitude "case servil" do alcalde de Ribadeo, "podemos constatar que todo o prometido para Ribadeo polo Partido Popular converteuse nunha cortina de fume da que foxen coma gato escaldado", critican os nacionalistas.

Así, o BNG de Ribadeo demanda do PP ribadense que explique cando se van facer efectivos eses 700.000 euros que o actual alcalde prometeu en campaña electoral que ían vir para Ribadeo para reformar integralmente o Hospital asilo se os populares ribadenses gañaban as eleccións municipais.

Así, din que "non pode ser que o Partido Popular de Ribadeo deixe de lado ás súas veciñas e veciños só por agradar ao seu xefe de partido. O alcalde de Ribadeo está a mergullarse nunha sorte de megalomanía que mesmo arrastra a quen ten á súa beira. Ben se pode coidar a xente de non crer todas as súas promesas. De feito, xa comezan a facer augas algunhas das súas falcatruadas neste verán de gasto desbocado, que deixou unha sensación de preocupación que pouco a pouco irá medrando máis", aseguran.

"Xa comezan a chegar facturas denegadas desde a Xunta, xa comezan a verse reparos graves por parte de quen ten que fiscalizar a acción de Goberno, xa comeza a propagarse a sensación, entre os técnicos e técnicas do Concello, de que hai que tertino co que se asina, que non todo vale. Que este home non o pode todo e o único que pode é meternos a todos e todas nós en serios problemas que acaben condicionando a viabilidade do concello. Non. Hai que lle facer fronte. Non, señor alcalde: non todo vale!", concluíron.

0.15659308433533