Derek Pérez, rei do Entroido 2026 de Foz: "Ruxe Ruxe é a miña familia no Entroido; sen eles, nada disto existiría"

A Sala Bahía de Foz foi testemuña da emoción do Entroido 2026 coa coroación de Derek Pérez como rei da festa. O mozo de Vilaronte, de 24 anos, logrou conquistar ao público grazas ao seu carisma, ao apoio da comparsa Ruxe Ruxe e a un traxe cheo de sentimento feito pola súa avoa.
Que sentiches ao ser proclamado rei do Entroido 2026?
Sentín moita felicidade, porque era un momento que levaba esperando desde hai anos, e tamén moitos nervios, sobre todo ao ver tanta xente mirando e apoiando. Foi unha mestura de emoción e responsabilidade que me fixo sentir moi orgulloso.
Que che deu forzas para presentarte por terceiro ano consecutivo?
O que máis me animou foi o desexo de cumprir o meu maior soño. Non me quería arrepentir ningún ano de non participar, porque cada edición é única e ofrece experiencias que non se poden repetir. Ademais, sentín que cada vez estaba máis preparado para asumir o reto.
Que importancia tivo para ti o traxe feito pola túa avoa Maruja?
O traxe ten un valor sentimental enorme. A miña avoa levábame axudando cos disfraces toda a vida, e que ela, xunto coa súa mellor amiga, se implicase desta maneira fíxome sentir especial. Non é só un traxe, é un símbolo de todo o cariño e apoio que recibo da miña familia.
Seguirá a túa avoa ligada ao deseño do vestiario do Entroido?
De momento non a carguei co tema do reinado, pero seguirá axudándome cos traxes da comparsa para os desfiles nos que non vaia na carroza. Para min é fundamental ter a súa experiencia e complicidade, porque cada detalle do vestiario reflicte moito afecto e tradición familiar.
Será un traxe pensado para sorprender ou para emocionar?
Sobre todo para sorprender, porque quero que a xente goce e se quede con bo recordo, pero tamén será emocionante. Cada elemento do traxe foi pensado co corazón e coa ilusión de transmitir a maxia do Entroido.
Hai algún elemento imprescindible que non poida faltar no vestiario?
Sen dúbida, moito brillo e a ilusión coa que traballamos. Cada detalle, cada adorno, cada cor reflicte a alegría e o entusiasmo que sentimos ao participar neste evento tan importante para a nosa vila.
Que significa Ruxe Ruxe no teu camiño dentro do Entroido?
Ruxe Ruxe é a miña familia do entroido. Son as persoas coas que crecín e coas que levo anos desfrutando desta festa. Representan a tradición, a amizade e todo o que fai que o Entroido sexa unha experiencia única. Sen eles, nada disto tería sentido.
Que queres achegar como rei do Entroido de Foz?
Quero transmitir moita enerxía e alegría, que a xente se divirta e se sinta parte do Entroido. Espero poder contaxiar entusiasmo e facer que todos os que participen sintan a emoción e a maxia da festa como se fose propia.
Como valoras o apoio do público durante a gala?
Foi fundamental. O apoio da veciñanza fíxome sentir respaldado e querido. Moita xente sacou tempo do seu traballo ou das súas ocupacións para vir votar ou animar, e iso marcou a diferenza. Sen eles, cumprir este soño non sería posible, polo que lles estou enormemente agradecido.
Que representa para ti o Entroido a nivel persoal?
É moito máis que unha festa: é unha forma de vida. É a miña desconexión, o meu momento de ilusión e creatividade, e unha auténtica terapia para min. Cada desfile, cada sorriso e cada aplauso fai que este espírito siga vivo ano tras ano.
Que esperas vivir xunto ás damas do Entroido 2026?
Espero que este proceso continúe sendo tan divertido e emocionante como ata agora. Quero pasalo en grande, crear momentos inesquecibles con elas e que todos gardemos estas lembranzas como unha das experiencias máis bonitas da nosa vida.
Que mensaxe lle mandarías á veciñanza?
A todos os veciños mándolles un recordatorio de ánimo: o esforzo merece a pena. Para os que aínda non o viven desde dentro, anímoos a participar e mergullarse no miolo do Entroido. E, por suposto, para todos: xa queda pouco para desfrutar da festa máis divertida e máxica do ano!