Deputados mariñaos agradecen o investimento para as depuradoras de Burela, Viveiro e Foz
Os tres deputados no Parlamento de Galicia da Mariña, Elena Candia, José Manuel Balseiro Orol e Daniel Vega, poñen en valor o investimento que realizará a Xunta de Galicia en 2022 en materia de saneamento nos concellos de Burela, Viveiro e Foz, e que ascende aos 7,2 millóns de euros. Concretamente, e segundo se pode comprobar nas contas presentadas polo Executivo autonómico, levaranse a cabo actuacións relacionadas co tratamento de augas, así como a construcción ou mellora das depuradoras en ditas localidades.
Para os populares “sáldase unha débeda histórica”, ao tempo que se dará un servizo necesario para os veciños destes tres municipios. Dun xeito desglosado, as partidas económicas que se recollen no documento orzamentario son as seguintes: Viveiro (1,6 millóns para o saneamento de Celeiro e mellora da EDAR, e melloras nas liñas de tratamento 1,29 millóns); mellora de saneamento e construción da de Burela (420.000 euros); e, en Foz, execución dunha nova depuradora (3,85 millóns).
“Agradecemos a sensibilidade do Goberno galego coa nosa comarca que recolle unha demanda constante dos veciños destes concellos. Son actuacións que, ademais, de dar un mellor servizo, mellorarán a súa calidade de vida”. Para os deputados do PP demóstrase “que non é o mesmo que gobernen uns a que gobernemos outros”. “Fronte a un Goberno central que, por exemplo, soterra a autovía da Mariña ou que aínda non deu unha solución a Alcoa, a Xunta de Galicia cumpre recollendo no DOG as demandas da Mariña”.
PSOE
A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, criticou que os orzamentos da Consellería do Mar para o próximo ano sexan “meras declaracións de intencións sen partidas económicas”. Así o dixo na comparecencia da conselleira para dar conta dos orzamentos para 2022, que segundo Otero “presenta na Memoria supostos e obxectivos que non se traducen en partidas orzamentarias”.
Otero reivindicou unha “aposta decidida para axudar ao sector da pesca” de cara á reactivación económica e á recuperación post covid que está ausente das contas presentadas pola Consellería do Mar, que deixa abandonado a un sector tamén afectado polas consecuencias da pandemia. Lembrou a incidencia das limitacións da actividade e os peches da hostalería, que tiveron unha importante repercusión nas contas de resultados do sector.
Sen embargo, esta Consellería “nin respalda nin inclúe unha resposta decidida” para as medidas que anuncia na súa Memoria de Orzamentos, co que “unha cousa é o que din que van facer e outra moi distinta o que poderán facer”. Ademais, alertou da baixa execución dos Orzamentos da Consellería de Pesca, unha práctica “lamentablemente reiterada exercicio tras exercicio” e que lastra o impulso ao sector dende a administración autonómica.
Explicou que dúas partidas fundamentais como deberan ser promoción da Acuicultura e a Regulación de Producións e de Mercados de Pesca, que supoñen o groso do orzamento da Consellería, a metade do ano tan só teñen unha execución de apenas un 9,6 e un 3,6 por cento do gasto previsto, respectivamente.
O mesmo sucede, dixo, cos fondos comunitarios para a Pesca, os coñecidos como FEMP e os próximos FEMPA, dos que a dous anos do remate aínda están sen executar a metade das partidas dispoñibles. Dos 371 millóns de euros destinados a Galicia no FEMP, tan só foron executados 117, co que restan en carteira 152 millóns de euros. Sinalou que neste exercicio volven incorporar os mesmos 89 millóns de euros FEMP que deixaron sen executar nos anos anteriores.
E isto mentres a Consellería segue sen dar conta de cales dos máis de 300 proxectos anunciados pola Xunta para optar a fondos Next Generation EU forman parte do sector do mar, o que “cremos que é enganar á cidadanía”.