Deputación e partidos da Corporación reclaman solución para o GES de Cervo

A Deputación de Deputación de Lugo manifestou o seu compromiso coa continuidade do persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) e coa defensa da recuperación deste servizo en Cervo, que permanece pechado desde finais de 2024 tras a decisión do goberno local.
O acordo adoptouse no pleno ordinario celebrado no Pazo de San Marcos, onde os grupos da corporación provincial aprobaron por unanimidade unha moción de urxencia presentada polos partidos do goberno para solicitar a convocatoria da Comisión de Seguimento do convenio dos GES. O obxectivo é analizar o funcionamento do dispositivo de emerxencias e buscar unha solución que garanta a súa viabilidade.
A voceira socialista Pilar García Porto destacou que na provincia existen cinco GES activos nos concellos de Friol, A Pontenova, Quiroga, Folgoso do Courel e Monterroso, que desenvolven un papel esencial na atención ás emerxencias, especialmente en contornas rurais con forte dispersión poboacional.
O goberno provincial considera prioritario estudar as condicións de reapertura do GES de Cervo, xa que os seus efectivos continúan vinculados administrativamente ao municipio. Desde a institución insístese en reforzar a capacidade de resposta ante situacións de risco na comarca da Mariña.
O texto consensuado por PSdeG e BNG solicita que a comisión se reúna con carácter de urxencia para avaliar o peche do servizo, definir medidas de reactivación e garantir unha cobertura eficaz e coordinada das emerxencias no territorio.