Deportes investirá na mellora do foso e o local social do Club de Tiro San Roque

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A área de Deportes financiará as obras de mellora no campo de tiro de San Roque de Viveiro, que xestiona o Club de Tiro San Roque.
88090826_3025351860830981_4203207669068070912_o
26 Out 2020

A área de Deportes financiará as obras de mellora no campo de tiro de San Roque de Viveiro, que xestiona o Club de Tiro San Roque. Así o anunciou o deputado Efrén Castro tras visitar as instalacións, atendendo á demanda realizada pola directiva do club viveirense.

Os traballos consistirán na substitución da cuberta do foso olímpico da cancha B e no cambio da cuberta do local social. Ademais, reformarase o acceso á cancha A cunha rampa que facilitará a accesibilidade ao campo.

As obras executaranse en dúas fases, unha primeira no que queda de ano e, a segunda, na vindeira anualidade, aproveitando os períodos sen actividade competitiva. O investimento previsto é duns 14.000 euros, que se canalizarán a través dun convenio entre a área de Deportes e o Concello de Viveiro, propietario das instalacións.

Efrén Castro explicou que “desde a área de Deportes se chegou a un acordo co club e co concello para realizar as obras que, sinalou, que mellorarán as condicións de uso dunhas instalacións cun gran potencial xa que son, xunto coas das Pontes e Xixón, as únicas do norte peninsular habilitadas para albergar competicións federadas ao contar con dúas canchas”.

“Con este investimento, continuamos coa nosa liña de apoio aos clubs e as asociacións deportivas, atendendo tamén aquelas modalidades deportivas que teñen menor foco mediática pero que arrastran moita afección e que contribúen a dinamizar socialmente e economicamente o territorio”, engadiu.

A actividade no campo de tiro de San Roque multiplicouse nos últimos anos, pasando de tirarse 30.000 platos en 2017 a 200.000 en 2019. As instalacións acolleron neste tempo diferentes probas de circuítos estatais, como o Campionato de España Absoluto que  tiñan previsto celebrar esta primavera e que se suspendeu por mor da pandemia.

Ademais, o Club de Tiro organiza cada ano Gran Tirada San Roque, unha das probas sociais con maior capacidade convocatoria do norte da Península, con participación de tiradores e tiradoras con palmarés internacional. O Club conta con preto de 60 persoas asociadas.

0.08457088470459