Denuncian que o centro de saúde de Viveiro estivo días cun so facultativo
A CIG-Saúde da Mariña denuncia a insostible situación que vén sufrindo o Centro de Saúde de Viveiro pola ausencia, desde hai moitos meses, de máis da metade da dotación de persoal facultativo. Esta situación xa foi denunciada recentemente por este sindicato, ao chegarse a situacións tan inasumibles como a de estar só dous facultativos en quenda de mañá, máis outro para a atención urxente. Isto significa que só había tres facultativos para atender a case 16.000 pacientes, o que constitúe unha ratio inaceptable de máis de 5.000 persoas por profesional.
"Esta precariedade asistencial viuse nestes últimos días aínda máis agravada ao ter constancia que nalgúns días o centro de saúde contou unicamente coa presenza dun facultativo para a atención da totalidade da poboación de Viveiro. Situación que podemos cualificar coma caótica e conducente, segundo vai progresando a casuística tanto de pacientes coma de presenza de profesionais, ao peche do centro sanitario", din dende CIG-Saúde da Mariña.
Desde CIG-Saúde "tamén somos coñecedores de que gran parte dos e das pacientes está a sufrir anulacións e adiamento de citas, ata en 16 días, sen previo aviso ou, no mellor dos casos, cunha chamada telefónica no mesmo día que tiñan que acudir á consulta".
Este desmantelamento do Centro de Saúde de Viveiro, próximo ao peche das súas portas, "é consecuencia directa da incompetencia xestora do Sergas e da Xerencia. Sendo conscientes de que esta sexta onda da pandemia está a aumentar tanto a presión asistencial como o número de baixas de profesionais contaxiadas, tamén acreditamos que este sindicato leva anos advertindo do caos que se aveciñaba pola desidia e abandono ao que o Sergas relegou a Atención Primaria".