Denuncian que Alcoa evacuaba augas residuais de maneira ilegal
A través da publicación no BOE do 16 de xullo do anuncio do Servizo de Costas de Lugo da solicitude de concesión para un emisario de evacuación das augas residuais de Alcoa en San Cibrao, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas detectan que se trataba da legalización do actual emisario xa en funcionamento. Trátase dunha tubería de mil metros de lonxitude, que á vista da súa solicitude de legalización foi construída sen permiso non se sabe cando nin por quen, sendo supostamente detectada recentemente nunha revisión realizada pola propia Alcoa.
Ademais, resulta que estes vertidos ían dar a unha zona de augas de baño cuxa calidade estivo sendo supervisada por unha empresa privada chamada APPLUS, pagada pola propia Alcoa, defeden. Consideran que sería moi conveniente, en aras da saúde e seguridade da cidadanía, que canto antes a Xunta de Galicia amplíe os controis de contaminación orgánica en augas para o baño engadindo tamén os producidos por contaminación química industrial, tanto na zona afectada por este emisario ilegal como noutras áreas do país que se atopan en circunstancias similares.
Para eles resulta totalmente indignante este novo capítulo de interesada permisividade con esta empresa por parte da Xunta de Galicia, que se vén a engadir a lamentables episodios como as ampliacións sen permiso da balsa de lodos roxos onde se acumulan milleiros de toneladas de material altamente contaminante. “Que esta empresa pretenda argumentar que non tiña coñecemento de por onde estaba a verter as súas augas residuais constata tanto o seu nulo respecto pola legalidade ambiental como o papel subalterno e vergoñento da Xunta e dos Concellos de Cervo e Xove, incapaces de controlala nin tan sequera en cuestións tan básicas para a seguridade da poboación como é a emisión das súas augas residuais”.
Xunto coa saúde de milleiros de persoas, cómpre lembrar tamén que esta industria está próxima a San Cibrao e espazos da Rede Natura coma os Illotes dos Farallóns, e afecta directamente a hábitats protexidos, e que o mes pasado a contaminación por po do depósito de lodos vermellos obrigou a pechar cautelarmente unha finca de froiteiras en Xove. Esixen á Xunta de Galicia que exerza as súas responsabilidades na supervisión e control desta industria, aclarando dende cando estaba a evacuar augas residuais a través dunha infraestrutura non legalizada, e analizando a calidade das augas expulsadas a través do mesmo a fin de aclarar se puido ter lugar algún tipo de afección á saúde das persoas e o medio ambiente.