Denuncian presións e represalias na Vivenda Comunitaria da Pontenova tras reclamar melloras na alimentación

As persoas usuarias da Vivenda Comunitaria da Pontenova veñen advertindo desde hai meses da mala calidade da alimentación que reciben, unha queixa que comparten tamén persoas afectadas da Residencia de Ortigueira e usuarias do servizo Xantar na Casa. Segundo explican, a situación non só non mellorou, senón que deu lugar a un contexto de tensión crecente dentro do centro.
Tras facerse públicas as denuncias, varios usuarios aseguran estar sufrindo presións, represalias e provocacións, especialmente aqueles que deron a cara para reclamar melloras. Nun dos casos, mesmo se abriu un expediente disciplinario a un residente ao que se lle atribuían supostas ameazas ao resto das persoas da vivenda, acusacións que —segundo indican— non se chegaron a acreditar.
A persoa afectada solicitou en agosto á Xunta copia íntegra das actuacións incluídas no expediente, mais non obtivo resposta, o que a obrigou a presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo. A partir dese momento, segundo denuncian, as presións incrementáronse e varias usuarias tiveron que recibir atención médica por crises de ansiedade no PAC de Meira, e incluso algunhas foron derivadas ao HULA.
Tamén sinalan que as súas denuncias non son atendidas, ou se resolven baseándose unicamente na versión da dirección da vivenda, sen escoitar ás persoas denunciantes nin ás testemuñas que presenciaron os feitos.
A tensión agravouse nas últimas semanas coa apertura dun novo expediente a outro usuario, ao que se lle ordenou o traslado a outra vivenda situada a case 200 quilómetros de distancia, nunha medida cautelar adoptada sen aviso previo. No documento inclúense acusacións especialmente graves, como que persoas adultas e plenamente capaces estarían “manipuladas” e non saberían o que asinan ao denunciar o maltrato.
O Sindicato Labrego Galego (SLG) cualifica esta decisión como unha medida claramente punitiva, destinada —di— a castigar as queixas pola comida e polo trato recibido, ao tempo que rompe un grupo de apoio mutuo entre persoas maiores que se axudan no día a día tanto emocionalmente como nas súas necesidades básicas.
O SLG considera que estas acusacións carecen de fundamento sólido e que buscan intimidar ás persoas usuarias para evitar novas reclamacións. A organización alerta de que se trata de persoas maiores con discapacidade e en situación de especial vulnerabilidade, para as que a Xunta debe garantir unha alimentación adecuada, un trato digno, a escoita activa e o respecto aos seus dereitos.
Pola contra, denuncian que a inacción administrativa está a converter á institución nunha “cómplice” dunha situación que non debería permitirse en ningún caso e que, de confirmarse, podería ter incluso implicacións xudiciais.
O SLG asegura ver “especialmente grave” que se vulneren dereitos fundamentais mentres se mantén unha actitude de desatención institucional. A entidade mostra o seu apoio ás persoas usuarias e ás súas familias e reclama medidas inmediatas para frear estas prácticas, restaurar a convivencia e devolver a dignidade ás persoas afectadas.