Denuncian o deterioro da Illa Pancha e reclaman medidas para garantir a súa protección

AMariñaXa
O colectivo sinala que o estado actual da illa é consecuencia dos continuos desencontros entre a Autoridade Portuaria e a empresa concesionaria
illa-pancha-ribadeo
11 Apr 2026

A asociación Por Nuestro Faro alertou do estado de deterioro que presenta a Illa Pancha, unha situación que cualifican como “crónica dunha desfeita anunciada” tras anos de advertencias sobre a xestión deste espazo.

O colectivo sinala que o estado actual da illa é consecuencia dos continuos desencontros entre a Autoridade Portuaria e a empresa concesionaria, cuxos intereses, segundo denuncian, non están aliñados coa protección efectiva dun enclave incluído na Rede Natura 2000. Neste contexto, lembran que o acceso público á illa, comprometido hai máis dunha década, tardou anos en facerse efectivo e estivo condicionado pola posta en marcha de actividades como a cafetería.

Desde a asociación tamén critican a falta de planificación e control no desenvolvemento do proxecto, que incluíu a transformación do faro en establecemento hostaleiro e diversas intervencións no entorno sen, aseguran, a correspondente avaliación de impacto ambiental. Unha carencia que consideran especialmente grave ao tratarse dun espazo protexido e que, segundo indican, segue sen contar cun plan específico que regule o uso e o acceso.

O colectivo lembra que ao longo dos últimos anos se sucederon advertencias e informes por parte de distintas entidades, incluíndo o Defensor del Pueblo e organizacións ecoloxistas, sen que se produciran cambios significativos na xestión. Así mesmo, apuntan que a concesión da illa foi recentemente prorrogada sen que se revisaran as condicións do proxecto.

Ante esta situación, reclaman unha actuación decidida por parte das administracións implicadas para garantir a conservación deste espazo emblemático de Ribadeo. Entre as medidas propostas, destacan a necesidade de establecer unha regulación clara, reforzar o control público e asegurar que a protección ambiental prevaleza sobre intereses económicos a curto prazo.

A asociación insiste en que a situación actual non é imprevista, senón o resultado dun modelo de xestión cuestionado desde o inicio, e apela á responsabilidade das institucións para reverter o deterioro e preservar o valor natural e patrimonial da Illa Pancha.

0.12262415885925