Denuncian o abandono do parque ribadense de Ove

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O grupo municipal do PP de Ribadeo considera que o estado de abandono no que se atopa o parque de Ove “é un exemplo máis da desidia do goberno local”.
2 Out 2019

O grupo municipal do PP de Ribadeo considera que o estado de abandono no que se atopa o parque de Ove “é un exemplo máis da desidia do goberno local”. Así o advirte a vicevoceira, Elena Sierra, logo de constatar que estas instalacións carecen dun mantemento axeitado, ademais de partes do mobiliario rotas e un alumeado deficitario.

Por este motivo, os populares esixen a Fernando Suárez que arranxe “de inmediato” estas instalacións, e que faga unha mellor xestión dos fondos públicos. Refírese así Elena Sierra a que o parque foi acondicionado recentemente con fondos da administración autonómica. A Xunta de Galicia achegou para este fin preto de 300.000 euros no marco do obradoiro de emprego que concedeu a este concello en 2018.

“Non entendemos como este parque pode estar así en tan pouco tempo. Non entendemos como despois de recibir os cartos da Xunta, os nacionalistas nin sequera se ocupan do seu mantemento. Para isto solicitou o alcalde o obradoiro? O único que fixo foi desperdiciar  e tirar case 50 millóns das antigas pesetas. Cremos que se trata dunha cantidade o suficientemente importante como para que agora o mobiliario estea tan desfeito”, apunta Sierra.

Ademais de solicitar que se emprendan os trámites necesarios para iniciar canto antes a reparación, piden ao rexedor que “poña orde entre os seus concelleiros”, xa que o edil responsable da área que se ocupa do mantemento de zonas verdes cobra unha dedicación exclusiva, “polo que ben podería traballar para que non nos vísemos na obriga de ter que saír publicamente e criticar esta desfeita”. “Gobernar non só é cobrar, gobernar é xestionar e traballar”, conclúe a vicevoceira do PP.

0.18660497665405