Denuncian atrasos na atención oncolóxica na Mariña por demora nos resultados das biopsias

AMariñaXa
A filla dun paciente con cancro avanzado denuncia que os atrasos no diagnóstico están a restarlle posibilidades de tratamento: “parécenos que o están deixando morrer”
hospital-a-marina-costa-burela
9 Jun 2025

A familia dun veciño da Mariña lucense denuncia unha situación que cualifican de “inxusta e desesperante”: o seu pai, diagnosticado cun cancro de pulmón en estado avanzado con metástases cerebrais, leva máis dun mes agardando polos resultados dunha biopsia tramitada como preferente, sen que a día de hoxe se lle iniciase ningún tratamento.

A súa filla relata que o paciente, cunha enfermidade neurolóxica progresiva que se revisaba de maneira periódica, acudiu a urxencias a finais de abril tras sufrir unha crise severa con perda da fala, desorientación e dificultades para camiñar. Durante o ingreso hospitalario, e tras varias probas, foi diagnosticado cun carcinoma pulmonar de grao 4 con metástases no cerebro. Recibiu o alta cunha cita inmediata para realizar unha broncoscopia que permitise tomar mostra para a biopsia, pero a proba resultou errada e tivo que repetirse no HULA o día 5 de maio, sendo tramitada con carácter preferente.

“A biopsia foi o 5 de maio e aseguráronnos que os resultados estarían nun prazo de cinco días, pero xa pasou máis dun mes e seguimos sen saber exactamente de que tipo de cancro se trata. Sen ese dato non se pode comezar o tratamento e cada día que pasa o tumor segue avanzando”, explica a súa filla, visiblemente angustiada.

O comité de tumores que debe valorar o tratamento a seguir xa tivo que adiar dúas veces a súa decisión por falta de resultados. Segundo a familia, só hai uns días lles confirmaron que os resultados da biopsia xa foran recibidos, pero agora haberá que iniciar primeiro un tratamento de radioterapia para controlar as metástases cerebrais antes de poder aplicar quimioterapia ou inmunoterapia sobre o tumor primario. “Ese mes perdido sen facer nada é tempo que gañou o cancro, e iso non é asumible”, insisten.

Ante esta situación límite, a familia decidiu contactar coa Plataforma Sanitaria da Mariña para dar a coñecer publicamente o seu caso e denunciar a situación que afecta a moitos outros pacientes da comarca. Desde a plataforma explican que “non é a primeira vez que se producen atrasos inxustificados nas probas preferentes, moitas delas derivadas a Lugo, colapsando os servizos do HULA e atrasando diagnósticos clave”.

“Demandamos que se tomen medidas urxentes para que se respecten os criterios de prioridade e se garanta que todos os pacientes teñan acceso ao tratamento no menor tempo posible. Os atrasos poden custar vidas e xa hai casos nos que non se chegou a tempo nin sequera para comezar un tratamento”, denuncian desde o colectivo.

⚙ Configurar cookies
0.15974116325378