Denuncian o estado "de abandono" do paseo marítimo de Rinlo
A coordinadora do rural do PP de Ribadeo, Montse Seijo, denuncia o “estado de abandono no que se atopan as inmediacións do paseo marítimo do porto de Rinlo”. A popular nomea a falta de limpeza do paseo coas marxes e o entorno sen rozar, zonas húmidas e esvaradías na beira da parte urbana e con outras zonas intransitables debido ao crecemento da maleza.
Seijo insta, polo tanto, ao goberno local do BNG a acondicionar o paseo marítimo para que sexa seguro para todos os peóns e tamén atractivo para tódalas persoas que queiran coñecer esta pequena vila mariñeira do noso concello cun encanto innegable.
A popular ve que o estado do paseo é lamentable, perigoso e que proxecta mala imaxe dun dos puntos turísticos do noso concello de cara ás visitas dos galegos que se queiran achegar estes días a coñecer o pobo de Rinlo.
No mesmo sentido, Seijo agarda que o goberno local actúe na limpeza e acondicionamento desta senda do paseo marítimo situado nun dos puntos de interese turístico do noso municipio de cara á temporada de primavera e verán.
A popular cre que “ante a situación que vive o sector hostaleiro e o turístico en xeral debido á crise derivada da covid-19, todas as administracións deberían colaborar, na medida das súas posibilidades, de cara á súa reactivación”. Por iso pide ao goberno local o acondicionamento dos lugares turísticos do noso municipio tamén como medida de apoio ao sector.