Dende concertos e teatro ata Cantos de Taberna: Ribadeo estrea programa cultural
Musicais, concertos, teatro, exposicións, Cantos de Taberna e as Letras no Campo. Estas son algunhas das propostas culturais de Ribadeo para o segundo trimestre do ano. A oferta comezou a primeira fin de semana de abril con música e monólogos e continuará coas audicións da EMMeD.
Ao longo das diferentes semanas o alumnado e o público xeral pode asistir a interpretacións variadas, de corda, vento metal, acordeón, música tradicional, danza , piano, canto e guitarra…para rematar no mes de San Xoán co festival de fin de curso”, explicou concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, que presentou a axenda.
A Asociación Amigos da Gaita dedicará o seu festival infantil á música tradicional. “Contaremos tamén en maio cun musical que percorre os éxitos dos 80 e 90, e con Coco para os pícaros e pícaras. A parte audiovisual é especialmente importante noutra obra musical, Unha noite na eira do trigo, que nos leva a recoñecer os sentimentos da emigración”. Audiovisual e musical é tamén a proposta Seis, Lorca en Galicia, de Rafa Fernández, que homenaxea aos poemas escritos en galego por García Lorca.
Emilio Rúa ofrecerá un concerto a principios de xuño, a BMMR o seu tradicional do Día das Letras Galegas e no mes de xuño poderase escoitar á Banda de Música do Tercio Norte da Armada. O protagonismo da música vai ter tamén no ciclo Domingueo en Ribadeo, dous por mes para animar os vermús dos domingos e os cantos de taberna que serán o 18 de maio.
O teatro tamén estará presenta na axenda cultural de Ribadeo para este trimestre. “En teatro afeccionado rematará neste trimestre o percorrido que o grupo de teatro A Adala, de Fazouro, leva facendo polas parroquias coa función Marina Club. Lembramos tamén que todos os luns, en Vilaselán e As Anzas reúnese a veciñanza nas sesións de música e teatro no Argadelo que dirixe Mano Panforreteiro”. De feito, poderase gozar este mesmo domingo desta arte coa compañía madrileña La Escalera de Tijera.