Demetrio Salgueiro optará de novo á Alcaldía de Xove como candidato do PP
Demetrio Salgueiro optará de novo como candidato do Partido Popular á Alcaldía do Concello mariñán de Xove do que é rexedor dende o 2007. A partir de entón revalidou a alcaldía con maiorías absolutas tanto no 2011 coma no 2015.
A presidenta dos populares da provincia, Elena Candia, confía de novo en Salgueiro para lograr un Goberno popular no municipio de Xove onde “ten demostrado sobradamente o seu compromiso cos veciños e a súa capacidade de xestión”. Destaca tamén a dirixente popular que “os veciños teñen depositado nel a súa confianza para xestionar o Concello ata en tres ocasións debido á súa cercanía cos xovenses”. De feito, “o actual rexedor popular ten aberta a porta do seu despacho para recoller sempre as propostas que contribúan a mellor este concello mariñán”, segundo manifesta Candia.
Pola súa banda, Demetrio Salgueiro asegura que afronta de novo o reto de lograr a alcaldía de Xove “coa mesma ilusión e ganas de seguir mellorando os servizos e as infraestruturas do municipio”. Neste sentido, avanza a súa vontade de traballo para que “Xove sexa un referente na comarca da Mariña”. De feito, cre que “o noso concello xa é un referente en política social e de servizos aos veciños. Nesa liña, queremos continuar a traballar conxuntamente coas asociacións contribuíndo ao desenvolvemento da súa dinámica actividade”.
O candidato popular preséntase de novo tamén co obxectivo de “continuar a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Xove”. Así, pretende “rematar o acondicionamento das estradas do municipio tanto as de titularidade municipal que dan acceso aos núcleos de poboación de Xove coma as de titularidade provincial para as que temos asinado un convenio coa Deputación para a execución da súa rehabilitación ao longo deste ano 2019”. Salgueiro explica que “queremos continuar tamén a mellorar as infraestruturas culturais e deportivas do municipio”.
Por outra banda, Salgueiro aposta pola creación de emprego. Nese sentido, cre que “debemos potenciar o ambicioso plan de emprego do Concello de Xove co que se favorece a contratación de desempregados xovenses por parte do tecido empresarial”. Igualmente, “é necesaria a ampliación do polígono industrial co mesmo obxectivo de crear emprego”.
Demetrio Salgueiro Rapa, economista con ampla formación en fiscalidade e empresas, é empregado do Concello de Burela en excedencia. Tamén é deputado na Corporación da Deputación Provincial.