Degustacións, concentración de clásicos e música, na XXXII Festa da Faba

AMariñaXa
A vila prepárase para acoller unha nova edición do evento gastronómico que celebrará o seu produto estrela cunha ampla programación
Presentación cartel da festa da daba lourenzá
24 sep 2024

A vila de Lourenzá prepárase para acoller, do 4 ao 6 de outubro, a XXXII Festa da Faba, un evento gastronómico que celebrará o seu produto estrela cunha ampla programación de actividades. Durante tres días, veciños e visitantes poderán gozar de degustacións, exposicións, demostracións de artesáns, showcookings, concentración de vehículos clásicos e diversas actuacións musicais. As celebracións arrancarán o venres 4 de outubro ás 20.30 horas cunha cata comentada de viños da adega Alán de Val (D.O. Valdeorras), que terá lugar no Claustro do Mosteiro.

Para rematar a xornada, ás 22.30 horas, celebrarase unha verbena no Campo dos Bolos, amenizada pola orquestra Montreal e o DJ Cosme. O sábado 5 de outubro será un dos días máis intensos. Ás 11.00 horas, abriranse as casetas dos fabeiros na Praza do Conde Santo e darán comezo as demostracións de artesáns polas rúas da vila, ademais da feira de automoción e vehículos agrícolas no Campo dos Bolos. A décima edición da Vespafaba & Clásicos tamén comezará a esa hora na rúa Fernández del Riego, mentres que a música chegará da man da Fanfarria Furruxa, que animará o pasacalles.

Ás 12.00 horas, o pregón a cargo de Amanda Gasalla marcará o inicio oficial da festa, seguido dun showcooking ás 12.30 polo cociñeiro Judicael Romero. A continuación, ás 13.30 horas, terá lugar a popular sesión vermú co acompañamento da orquestra Salsarena e a degustación de fabas, acompañadas polos viños da D.O. Valdeorras. A tarde do sábado traerá un obradoiro infantil de cociña ás 17.00 horas, mentres que ás 19.00 horas a Banda de Música de Foz ofrecerá un concerto no Claustro do Mosteiro. O día rematará cunha nova verbena, a partir das 22.30 horas, co orquestra Salsarena.

O domingo 6 de outubro, as actividades comezarán cedo, ás 8.30 horas, co mercado da faba ao por maior no Mercado Comarcal. Ás 11.00 horas, abrirán as casetas dos fabeiros e comezará a segunda xornada da Vespafaba & Clásicos. Un novo showcooking ás 11.30, a cargo de Judicael Romero, permitirá descubrir novas receitas coas fabas de Lourenzá. Ás 12.30 horas, terá lugar a actividade Fala Faba, con entrevistas na Praza Linares Rivas, seguida da sesión vermú co Grupo Lume e unha nova degustación de fabas ás 13.30 horas.

A festa pecharase cun festival folclórico ás 18.30 horas no Claustro do Mosteiro, con actuacións da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e o grupo Os dos martes. Durante todo o fin de semana, os bares da vila ofrecerán tapas elaboradas con fabas de Lourenzá e haberá un tren turístico que levará aos visitantes a percorrer a Ruta das Fabas. A XXXII Festa da Faba de Lourenzá promete ser un evento único, onde gastronomía, tradición e cultura se mesturarán para ofrecer unha experiencia inesquecible.

0.11497497558594