Deficiencias na iluminación no paseo do Faro de Ribadeo xeran queixas veciñais

Veciños e veciñas de Ribadeo veñen de manifestar o seu malestar polo mal estado do alumeado público no paseo da estrada do Faro, un dos puntos máis frecuentados polos residentes e visitantes que pasean cara á illa Pancha. Segundo denuncian, unha parte importante das luminarias non funciona, o que xera zonas escuras que afectan á seguridade e ao confort das persoas que transitan por esa zona, especialmente nas últimas horas do día.

As queixas céntranse en avarías, ausencia de farois e deterioro das instalacións eléctricas, que segundo indican algúns veciños, poderían terse agravado tras os últimos traballos de desbroce e mantemento da vexetación. Ao parecer, durante estas tarefas non se tivo coidado coas caixas de conexión eléctrica, que foron golpeadas ou danadas pola maquinaria empregada.
Os residentes reclaman ao Concello unha revisión urxente da instalación e a reposición das luminarias que están fóra de servizo. Sinalan que o paseo do Faro é unha zona moi transitada tanto por ribadenses como por turistas, polo que a falta de iluminación representa un risco innecesario e unha imaxe negativa para un dos enclaves máis emblemáticos do municipio.