De Cervo a Marrocos nun Volkswagen New Beetle do 1999
O Concello de Cervo recibiu ao seu veciño José Ángel Sánchez e ao seu compañeiro Aitor Gómez, que teñen un importante reto por diante nos próximos días, o Chatarras Raid, un rally con fin solidario. A bordo do seu Volkswagen New Beetle do 1999 percorrerán nada máis e nada menos que 3000 quilómetros por Marrocos.
Trátase dunha proba benéfica coa que o Concello de Cervo colabora coa entrega que lle fixeron hoxe en persoa a rexedora, Dolores García Caramés, e os concelleiros, Adrián Arias, e Alfredo Fernández, de material escolar que deberán entregar alí a unha asociación humanitaria.
Partirán o xoves 31 destino a Tánger onde arrinca a proba e completarán o reto o día 6, con meta en Marrakech. Desde o Concello de Cervo deséxanlles moitísima sorte nesta especie de París Dakar solidario na que participarán uns 250 turismos, con un mínimo de 15 ou 20 anos –segundo o vehículo- de antigüidade.