David Catá gaña o concurso MoldeArte coa súa proposta artística para o faro de Burela

AMariñaXa
‘La piel del mar’ será a intervención que transforme o molde do faro nun espazo simbólico que conecta a memoria mariñeira coa arte contemporánea
BURELA-ARTISTA-DAVID-CATa-DESENVOLVERAa-A-INTERVENCION-ARTISTICA-NO-MOLDE-DO-FARO-DE-BURELA-2025
7 Aug 2025

O artista mariñán David Catá foi elixido como gañador do certame MoldeArte, promovido polo Concello de Burela para escoller unha proposta creativa destinada a transformar artisticamente o molde do faro da localidade. A resolución fíxose pública logo da reunión do xurado celebrada o pasado 18 de xullo na Casa do Concello.

A obra seleccionada leva por título La piel del mar e propón unha intervención que entrelaza distintas linguaxes artísticas como a música, a pintura, a fotografía, o corpo e a memoria. O obxectivo é construír un espazo simbólico que sirva de ponte entre a identidade mariñeira da comunidade e a creación contemporánea.

Este certame forma parte dunha estratexia municipal máis ampla centrada na recuperación e valorización do patrimonio vinculado ao mar. Dende o Concello búscase que o molde do faro deixe de ser unha peza puramente funcional para converterse nun referente cultural e turístico, capaz de narrar a historia da vila e da súa relación co océano.

“Con esta intervención, damos un paso máis na nosa aposta por facer do faro algo máis que unha estrutura arquitectónica; queremos que se converta nun espello da nosa memoria mariñeira”, afirmou a alcaldesa de Burela, Carmela López. A rexedora salientou tamén a importancia de apoiar iniciativas artísticas que “poñan en valor a identidade local e contribúan a construír espazos comúns de expresión e reflexión para a veciñanza”.

O proxecto Burela Alumea – O Espello do Faro, no que se enmarca este certame, conta co respaldo económico do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña – Ortegal, en colaboración coa Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA). A intervención de David Catá aspira agora a transformar o molde do faro nun faro simbólico da memoria colectiva da vila.

⚙ Configurar cookies
0.19621682167053