David Catá: a música, a pintura e a memoria do corpo como eixo da creación contemporánea

AMariñaXa
O artista viveirense funde arte e emoción nas súas obras e converte o faro de Burela nun símbolo de memoria mariñeira e identidade compartida
David-Cata-artista-Viveiro-Faro-Burela-
2 Nov 2025

Por Ana Somoza.

A traxectoria artística de David Catá é, ao mesmo tempo, íntima e universal. Nacido en Viveiro, desde moi pequeno combinou a disciplina do acordeón coa exploración das artes plásticas, un diálogo que hoxe se reflicte na súa obra multidisciplinar. O propio artista lembra que dende neno "estudei acordeón no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, mentres ao mesmo tempo me adentraba no debuxo e na pintura", e asegura que "para min foi unha convivencia moi natural: a música deume disciplina e unha forma de sentir, mentres que as artes visuais ofrecéronme un espazo para traducir esas emocións en imaxes". Catá confesa que sempre tivo claro a que quería dedicarse, aínda que chegou un momento no que se sentiu enfrontado a unha difícil decisión: "houbo un momento no que pensei que debía escoller entre a música e a arte, e custoume moito". Con todo, co paso do tempo comprendeu que ambas podían coexistir e complementarse: "co tempo entendín que podían convivir, que podía dedicarme a ambas e que, ademais, se complementaban".

Os recordos de Galicia, antes de trasladarse a Madrid, gardan para Catá un valor especial. Recoñece que "o Conservatorio de Música de Viveiro era como unha segunda casa" e que, posteriormente, en Burela, estudou o Bacharelato de Artes con profesores que considera "incribles". A súa formación académica en Pontevedra, en Belas Artes, abriu un mundo novo para o artista, que recorda: "eu era moi introvertido e tímido, e foi na carreira onde aprendín a canalizar e plasmar as miñas emocións e sentimentos a través da arte".

O artista galego cre que a súa educación dual, entre música e arte, marcou profundamente a singularidade da súa obra. Sen dúbida, explica, "esa combinación é o que fai que hoxe o meu traballo sexa híbrido". Para Catá, a música non desaparece aínda que non se escoite de forma explícita: "a música atravesa moitas das miñas pezas, mesmo cando non soa explicitamente, e a imaxe sempre tivo para min un ritmo, unha cadencia". Así, a súa creación transita nun espazo de encontro: "a miña obra existe nese cruce: fotografía, vídeo, pintura e música dialogan constantemente".

IDENTIDADE. A identidade artística de Catá defínese pola experimentación constante. A súa obra multidisciplinar, que abarca desde a fotografía e o vídeo ata a pintura e a música, xorde da necesidade de atopar un idioma propio para cada proxecto: "cada proxecto pide a súa propia linguaxe, e moitas veces ese linguaxe non pode reducirse a unha soa disciplina". Explica que a fotografía lle permite "conxelar", o vídeo "dar tempo", a pintura "materializar", a música "emocionar" e o corpo "habitar". Experimentar con todas estas linguaxes á vez é, para el, case inevitable: "cada parte responde e completa á outra".

CORPO. Un dos elementos máis característicos da obra de Catá é o seu traballo cos corpos, e en particular, o acto de coser sobre a pel. Este selo persoal xurdiu "de forma moi natural durante os meus estudos en Madrid". O artista lembra unha das primeiras pezas: "Fixen unha fotografía na que me cosía un guante á palma da man, como se fose unha segunda pel". Aquelo non foi un acto illado, senón que se vinculaba á súa infancia rodeado de costura: "o xesto, unido á miña infancia rodeado de costura —a miña nai e a miña avoa cosían—, converteuse nunha metáfora: o corpo como soporte, o fío como memoria e como ferida". A partir dese momento, comezou a coser rostros, lugares e recordos importantes, transformando o seu propio corpo nun lenzo e nun arquivo: "o corpo é o meu primeiro lenzo e o meu arquivo. Nel quedan cicatrices, engurras, pegadas… A memoria flúe a través desas marcas e convértese en relato". Para Catá, coser sobre a pel é un acto íntimo que combina duelo e resistencia: "Coser sobre a miña pel é un acto íntimo de duelo, de resistencia ao esquecemento, pero tamén unha maneira de proxectar o vivido cara fóra, de compartilo".

INTERNACIONAL. A proxección internacional de Catá confirma que a súa obra, aínda sendo profundamente persoal, logra conectar con públicos de distintas culturas. O artista comenta que "sempre me sorprende como algo tan persoal pode resoar en outras persoas". A súa experiencia en países como México ou China mostroulle que a dor, a memoria e os vínculos afectivos son universais: "aí sentín unha recepción moi próxima e emotiva. O dor, a memoria e o vínculo afectivo son universais e actívanse en cada espectador de maneira distinta". Catá lembra que en ocasións algúns espectadores emocionábanse ata chegar a chorar, un recoñecemento que considera "o maior dos agasallos". Para que a súa obra funcione, o artista subliña que debe provocar reflexión e emoción: "se o meu traballo non conseguise remover, emocionar, incomodar ou facer que o espectador se formule preguntas, non estaría funcionando".

As diferenzas culturais tamén condicionan a interpretación da súa obra. Catá asegura que "cada persoa proxecta as súas propias lecturas". Nalgúns contextos, o acto de coser sobre a pel percíbese como un xesto poético; noutros, como algo máis visceral e vulnerable. Para o artista, esta diversidade interpretativa é un valor engadido: "esa diversidade na interpretación é precisamente o que me interesa: que a miña obra se complete na mirada dos demais".

FARO. Recentemente, Catá foi galardoado co certame MoldeArte, que lle permitiu intervir o faro de Burela, un proxecto que considera especialmente significativo pola súa relación coa súa identidade e co mar que lle viu medrar. Para o artista, esta intervención constitúe "unha homenaxe á memoria mariñeira e ao paisaxe da miña infancia" e é un recoñecemento que sente "profundamente ligado á miña identidade".

A obra premiada, titulada A pel do mar, mestura distintos soportes e linguaxes. Catá describe o faro como "un corpo colectivo, unha pel que gardaba memoria" e explica que a súa intención foi integrar "imaxes, texturas, sons e cores vinculados ao mar e á nosa comunidade, creando así unha experiencia sensorial que fose máis alá do puramente visual". O proxecto incluíu un obradoiro na nave das redeiras, onde profesionais do encaixe e da palilleira compartiron técnicas tradicionais e contribuíron a dar nova vida a redes de pesca en desuso. Esta colaboración, segundo Catá, "enriquece a obra".

A instalación non só establece un diálogo visual co contorno, senón que tamén incorpora unha dimensión sonora, mediante unha composición propia titulada O faro. O artista explica que a música funciona como "fío condutor emotivo, evocando o ritmo das ondas, o pulso do mar e a memoria compartida que atravesa toda a intervención". Catá desexa que a comunidade perciba o faro como un espazo vivo: "gustaríame que o recordasen como un espazo vivo, que respira e abraza. Que se recoñezan nel, que o sintan como parte da súa memoria".

MAR. A súa relación co mar e coa identidade mariñeira é un eixo central da súa obra. Catá asegura que "crecín co horizonte sempre diante" e que o mar representa para el "ritmo, memoria e incerteza". Este vínculo co seu orixe en Viveiro está presente en cada unha das súas creacións: "a identidade mariñeira está gravada na miña maneira de mirar e de traballar. É imposible desligar a miña obra dese orixe".

O artista reflexiona sobre os retos que afronta un creador contemporáneo desde Galicia. Destaca que "o principal reto é visibilizarse, pero a tranquilidade que teño aquí non a atopo nas grandes cidades". Ao mesmo tempo, valora as facilidades que ofrece a actualidade, desde os desprazamentos ata a comunicación a través das redes sociais: "hoxe en día é máis fácil coller o coche ou calquera outro medio de transporte para desprazarse, e coas redes sociais estar en contacto é máis sinxelo".

Para Catá, o diálogo entre tradición e contemporaneidade é fundamental. Cre que ambas capas conviven e se complementan, e que reinterpretar prácticas cotiás como a costura, a música popular ou a memoria familiar desde unha mirada actual é "unha forma de mantelas vivas e significativas".

FUTURO. O futuro de Catá pasa pola exploración continua do íntimo e do colectivo. Actualmente traballa nun segundo disco e en dúas series fotográficas e pictóricas, unha delas centrada na súa otosclerose. O artista manifesta que cada vez lle interesa máis "a combinación do íntimo co colectivo", e non descarta empregar arquivos alleos para establecer novas conexións entre memorias persoais e compartidas.
A obra de David Catá é, en resumo, un intre no que música, pintura, fotografía e corpo se entrelazan, transformando o privado en colectivo e ofrecendo ao espectador unha experiencia sensorial e emotiva singular. O seu traballo, dixo, busca que cada peza "remova, emocione e faga que o espectador se formule preguntas", mantendo unha fidelidade ás súas raíces galegas e ao mar que marcou a súa vida e a súa mirada artística.

⚙ Configurar cookies
0.07896900177002