David Ballester regresa á dirección da Banda de Ribadeo no concerto de Semana Santa

Tras un tempo afastado por motivos de saúde, David Ballester retoma a batuta como director da Banda Municipal de Música de Ribadeo. O seu regreso á fronte da agrupación terá lugar con motivo do concerto de Semana Santa, previsto para o mércores 16 de abril ás 20:45 horas na igrexa parroquial de Santa María do Campo.
Ballester anunciou a actuación con ilusión: “Chega a Semana Santa e con ela o concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo, retomando así a nosa actividade neste 2025. Convidamos a toda a veciñanza a que se achegue á igrexa parroquial, un espazo marabilloso para desfrutar deste tipo de música”. A programación do concerto estará centrada en marchas procesionais, das cales catro serán interpretadas por primeira vez pola formación ribadense.
O director quixo tamén aproveitar a ocasión para amosar o seu agradecemento: “Despois desta etapa de baixa, non podo deixar de dar as grazas aos músicos que forman esta gran familia que é a Banda, e moi especialmente a Rubén Solloso, que asumiu a dirección durante a miña ausencia. Grazas ao seu compromiso, a Banda puido continuar coa súa actividade e levar a cabo o concerto Aquí como en Viena”.
Ballester despídese cun convite: “Vémonos o mércores 16 ás nove menos cuarto na igrexa parroquial para compartir unha nova noite de música”.