Danza, teatro, circo de rúa e música, na programación cultural de outono de Foz

Foz
AMariñaXa
A presentación realizarase o sábado, 7 de setembro, ás 19.00 horas na Sala Bahía, que acollerá dous espectáculos de danza
programación-cultural-de-outono-de-Foz
4 sep 2024

O Concello de Foz dá o pistoletazo de saída a súa programación cultural outonal, que inclúe danza, teatro, circo de rúa e música. A presentación realizarase o sábado, 7 de setembro, ás 19.00 horas na Sala Bahía, que acollerá dous espectáculos de danza. Poderán desfrutarse de forma gratuíta. O primeiro dos espectáculos que se poderá ver é Rito, unha peza que poñerán en escena os alumnos do Conservatorio de Danza de Lugo en colaboración coa compañía Colectivo Glovo. A continuación será a quenda de Colectivo Glovo, coa súa obra Tabú.

“Agardamos que este primeiro día, no que comezamos a tempada con danza, o público poida ver a fantástica programación que deseñamos para os vindeiros meses”, indica Inés López Couto. Couto engade que “que non é a única oferta da finde, xa que o domingo comeza o Festival de Teatro Afeccionado de Foz, no que o Concello colabora coa Asociación Pico do Castro e Fegatea. Pico do Castro forma parte da Federación Galega de Teatro Afeccionado e propúxonos traer a Foz un festival para que todo o mundo poida ver as obras das compañías galegas que forman parte da federación”.

Comezan o domingo 8 ás 19.00 horas na Casa da Cultura coa obra Arte, de Hipócrita Teatro. O prezo da entrada será de 3 euros. A concelleira de Cultura destaca que “a cultura é fundamental polo que as propostas pretenden chegar a tódolos públicos. E, por suposto, continuaremos coa axenda aberta para novas ideas”. Pola súa parte, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, convida “a que todos aqueles que queiran ver cultura de calidade en todos os ámbitos nos acompañen en Foz, xa que tanto asociacións como profesionais ofrécennos un outono cheo de vida”.

0.1139669418335