Daniel Vega propón construír o novo centro de saúde de Ribadeo nos terreos da antiga estación de tren

AMariñaXa
Daniel Vega propón construír o novo centro de saúde de Ribadeo nos terreos da antiga estación de tren por céntrica
antiga estacioon tren ribadeo
22 Dec 2021

Daniel Vega propón construír o novo centro de saúde de Ribadeo nos terreos da antiga estación de tren así explica que “o Grupo Municipal Popular defende a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo e o incremento da carteira de servizos sanitarios no noso municipio”. Nese sentido, “traballamos moito e seguiremos traballando. Agora, facemos unha proposta moi concreta: construír o novo centro de saúde na parcela onde está a antiga estación de tren, unha parcela moi céntrica e moi próxima á autovía”.

O voceiro popular engade, ademais, que "o PXOM recolle unha rúa que vai dende a autovía á propia estación de tren. Polo tanto, conta cunha boa conexión coa autovía que permitirá ás ambulancias, unha vez incorporado o 061 no mesmo espazo que o novo centro de saúde, chegar rapidamente ao Hospital da Mariña”.

Vega explica tamén que se trata “dunha proposta para rehabilitar e conservar o noso patrimonio. A edificación da antiga estación de tren pode ser parte do novo centro de saúde de forma que se conserve e se dirixa a un fin moi concreto. Un edificio de todos destinado a algo que nos interesa a todos, a sanidade pública”, remarca.

“O Grupo Municipal Popular pediu no pleno da corporación, a través dunha moción, que o goberno local do BNG cedese á Xunta os terreos necesarios para a construción deste novo centro de saúde; pero votou que non. Opúxose sen ofrecer unha resposta moi sensata, ao noso parecer”, engadiu.

Daniel Vega explica que “queremos un novo centro de saúde; os veciños, tamén queren un novo centro de saúde e os profesionais, cos que me reunín fai uns días, tamén respondían que si á miña pregunta sobre o novo centro de saúde”. 

O popular engade tamén que esta é unha “proposta moi sensata” e, polo tanto, agarda o si da Xunta. “O que si precisamos é un acordo por parte da corporación municipal e, polo tanto, creo que o BNG e o PSOE deben respaldar esta iniciativa porque se trata dunha proposta en beneficio de Ribadeo. Non debe haber cores políticas porque estamos a falar da sanidade pública e dun novo centro de saúde para incrementar os servizos sanitarios. É algo de todos que creo que debemos defender todos”, conclúe.

0.17042589187622