Daniel Vega denuncia “o descaro” do Goberno ribadense ao apropiarse dunha axuda

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, denuncia “o descaro” do alcalde ao apropiarse dunha axuda da Xunta de Galicia.
castroderei
18 Xuño 2020

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, denuncia “o descaro” do alcalde ao apropiarse dunha axuda da Xunta de Galicia. Así se pode comprobar como dende a entidade local se adapta o deseño do bono coidado extraordinario para a infancia que vén de facer público a administración autonómica para aparentar que se trata dunha medida que impulsa o Concello.

“Estamos realmente sorprendidos pola acción do goberno local. Intenta facer súa estas axudas de 500 euros ao mes cos que os proxenitores poden pagar os servizos dun coidador a domicilio ou compensar o pase a unha situación de excedencia ou redución de xornada dende a declaración de emerxencia sanitaria ata a reapertura dos centros educativos”. Isto é, afirma Vega, “cando menos, unha falta de decencia institucional e incluso enganar á cidadanía e a todos eses pais e nais que se poden acoller a esta medida e que de seguro agradecen a vontade colaboradora da Xunta, coa que se favorece a conciliación”.

“Quedou retratado”

Dende o Grupo Municipal do PP consideran, por tanto, que o rexedor “quedou retratado” e pídenlle que actúe con “máis humildade, respecto, transparencia e se deixe deste tipo de artimañas”. Tal é así que agardan que o rexedor modifique as publicacións como a referida, respectando a administración de quen veñen, e non volva a facer o mesmo con vindeiras axudas que saque ou poña en marcha a Xunta de Galicia.

Usar a crise para sacar rédito político

Daniel Vega afea así ao titular municipal que, con esta operación, se pretenda sacar rédito político, cando o que debe de primar nestes momentos, manifesta, é a colaboración e a lealdade institucional. “Nunha época como a que estamos a vivir, todos os grupos políticos temos que traballar na mesma dirección. Aquí ninguén sobra, pois o que realmente importa é a saúde e a recuperación socioeconómica logo de meses de tanta incerteza. Seguir facendo o que fixo o alcalde é, a todas luces, un despropósito e un intento de usar algo tan serio como a crise sanitaria e a colaboración e o traballo doutras administracións para obter un beneficio partidista. Dende logo, os populares nin o faríamos, nin o imos a permitir”, insiste.

Apoio ao plan económico do PP

Con todo, Daniel Vega anima ao goberno local “a dotar de orzamento e a ter vontade de sacar adiante” o plan de recuperación económica que presentou o PP, e que foi apoiado en Pleno só polo PSOE, quedando finalmente rexeitados polos votos en contra do BNG. “Esta si que sería unha boa maneira de actuar e de axudar aos ribadenses e non apropiándose de axudas que non dá o Concello. Presentámolo, ademais, con total humildade e con ganas de consensuar con toda a Corporación. Por iso, queremos dar as grazas ao Partido Socialista que si soubo entender que temos que estar todos xuntos. Dende logo, nin entendemos a actitude do BNG nin a do alcalde”, conclúe.

0.17262315750122