Daniel Vega critica que o Concello teña o camión de bombeiros avariado
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, critica a falta de previsión do goberno local á hora de “manter dispoñible o material e a maquinaria municipal para a loita contra incendios forestais” e pídelle explicacións ao rexedor sobre os motivos polos que o camión motobomba do Concello está sen arranxar e por que non ten solicitado as brigadas forestais de loita contra incendios que a Xunta pon a disposición de tódolos Concellos.
O popular ten en conta que “os incendios poden ser provocados ou fortuítos”; pero iso non exime ao goberno local de xestionar correctamente os medios necesarios para facerlles fronte a estes lumes. Considera Vega que “non pode ser que no goberno ribadense reine a desidia”. Así o expón debido a que “o camión motobomba leva máis dun mes avariado e sen arranxar” e, polo tanto, “non puido saír a apagar o incendio producido onte na parroquia de Ove, na recta de Pastoriza”.
Daniel Vega agradece a colaboración de todos os efectivos que participaron nos traballos de extincións, tanto municipais, como autonómicos e mesmo doutros concellos que puxeron achegaron os camións motobomba dos que si dispoñen. Nesa liña, o popular incide en que “Ribadeo precisa medios para loitar contra o incendios: tanto a maquinaria en perfecto estado para o seu uso en condicións de seguridade coma brigadas de prevención e loita contra incendios que a Xunta pon a disposición dos Concellos, pero que o Concello de Ribadeo se nega a solicitar”. Vega recorda, a este respecto, que “as brigadas teñen un labor moi importante de cara á prevención de lumes como é a limpeza dos montes”.
Os populares agardan unha resposta do señor Suárez sobre a falta de medios para previr e sufocar os lumes coma o de onte no noso municipio.
O alcalde, Fernando Suárez, asegura que os medios empregados para apagar o incendio que se rexistrou na xornada de onte foron os axeitados. O rexedor resposta así ao PP por ter cuestionado “a actuación modélica e exemplar do Concello de Ribadeo na loita contra os lumes” e pregúntalle ao voceiro popular por qué a Xunta non se ofreceu a colaborar co Concello en todo o proceso de limpeza de fincas levado adiante nos últimos anos.
O alcalde sinalou que “en canto aos medios municipais, habitualmente dispoñemos de dous vehículos. Contamos cun camión contra incendios, que leva uns días fora de servizo por un problema mecánico, rompeulle a bomba, que non se puido resolver ata agora pola falta de pezas derivada desta situación de alarma na que nos atopamos, xa que os provedores non puideron subministrar ao taller as pezas que se necesitan. Ademais o Concello ten un camión pequeno que funcionou perfectamente e que se achegou ata alí para colaborar nas tarefas de extinción. Tamén temos un vello camión de incendios, usado basicamente nestes últimos anos soamente na limpeza viaria e na limpeza de fosas sépticas, que acudiu ao lugar do lume pero que non foi necesaria a súa participación. Tanto os medios do distrito forestal como os medios municipais, con todo o que houbo, alí foron dabondo para extinguir o lume que se produciu”.