Daniel Castro denuncia no Parlamento a falta de atención médica no centro de saúde de Ourol

AMariñaXa
O deputado do BNG criticou que os veciños e veciñas teñan que desprazarse a outros concellos para ser atendidos e cuestionou a falta de persoal médico no centro
centro-saude-Ourol
26 Feb 2025

O deputado do BNG, Daniel Castro, levou ao Pleno do Parlamento as queixas da veciñanza de Ourol pola falta de atención médica no centro de saúde do municipio. Durante varios días ao mes, os veciños e veciñas deben desprazarse até outros concellos, como Viveiro ou Muras, para poder consultar cun facultativo ou facultativa, debido á escaseza de persoal médico.

Castro preguntou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sobre esta situación, mostrando a súa indignación pola “nova normalidade” que o PP intenta impoñer á poboación. O deputado da Mariña subliñou que no centro de saúde de Ourol, durante o mes de xaneiro, a falta de médico foi a tónica durante a maioría dos días, unha situación que considerou “inaceptable”.

“Considera normal que en 2025 as persoas teñan que aceptar ter médico seis días ao mes no seu centro de saúde, como aconteceu en xaneiro?”, inquiriu Castro, facendo referencia á situación precaria que os veciños deben afrontar. Criticou tamén que, cando o servizo está cuberto, os pacientes son atendidos por diferentes profesionais, o que dificulta a continuidade na atención.

O deputado nacionalista tamén rexeitou a solución proposta pola Consellería, que consiste en desprazarse aos centros de saúde de Viveiro ou Muras, advertindo que o de Viveiro tamén está colapsado e o de Muras tamén carece de persoal en moitos días.

“Os veciños e veciñas de Ourol só piden algo moi razoable: que haxa un médico no seu centro de saúde todos os días”, remarcou Castro, que tamén denunciou a falta de atención médica en diversos concellos da Mariña. “Non son casos illados, pasa en Ribadeo, Foz, Cervo, Xove, Viveiro, Mondoñedo, Lourenzá, Ourol... e a vostedes isto parécelles normal”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16691398620605