Daniel Alonso asume a presidencia de Novas Xeracións de Xove

AMariñaXa
O novo equipo xuvenil do PP aposta polo compromiso, o sentido común e a participación activa da mocidade
Congreso-NNXX-Xove-PP
22 Feb 2026

Daniel Alonso foi elixido presidente de Novas Xeracións de Xove no congreso local celebrado pola organización xuvenil vinculada ao Partido Popular. O novo responsable, de 25 anos e graduado en Administración e Dirección de Empresas, encabezará unha etapa que define como “ilusionante e chea de responsabilidade”.

No acto participaron, entre outros, a presidenta provincial do PP, Elena Candia; o alcalde de Xove e presidente local do partido, Demetrio Salgueiro; a presidenta de NNXX de Galicia, Nicole Grueira; o líder provincial da organización xuvenil, Miguel Gallego; e o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, quen tamén estivo á fronte de NNXX na provincia.

Alonso destacou que a nova executiva está formada por “un equipo comprometido e con ganas reais de traballar por Xove”, incidindo na importancia de escoitar á veciñanza e propoñer iniciativas útiles para o municipio. Ademais da súa implicación política, o novo presidente conta cunha ampla traxectoria asociativa, xa que preside a asociación veciñal de Xuances e participa noutras entidades da Mariña, ademais de formar parte do comité de control económico da Federación Española de Bolos.

Durante o congreso, os dirixentes provinciais puxeron en valor a incorporación de xente nova á política local e animaron ao novo equipo a traballar con responsabilidade e lealdade. A executiva complétase con Beatriz García como secretaria xeral; Javier Alonso, secretario de organización; Xenxo Salgueiro, vicesecretario de Medio Rural e Mar; Irene González, vicesecretaria de Acción Social e Xuventude; Martín Canoura, vicesecretario de Comercio e Industria; e Marcos Fernández, vicesecretario de Deportes.

0.081576824188232