Dani Vega: “O que nos interesa é que o bo facer e as axudas veñan, de A e B”

AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
Dani Vega
16 Xan 2024

Por Ana Somoza López.

Dani Vega fala sobre estes primeiros meses de traballo á fronte do Concello.

Como leva estes primeiros meses de Goberno?

Pois moi ben. Con moita ilusión, con moitas ganas de traballar, de transformar Ribadeo e pouco a pouco estámolo conseguindo, desde o día a día e das pequenas cousas e tamén na gran xestión. Eu creo que é a chave do traballo que estamos a facer e dende logo, eu creo que o estamos conseguindo pouco a pouco entre todos. Démoslle unha volta en limpeza, as áreas recreativas, etc. é dicir, fixemos unha transformación que polo momento é máis no visual.

Non todo se fai nunha semana.

Claro, é dicir, nunha semana fixéronse moitas cousas, nun mes, moitas máis e en seis meses pois démoslle unha volta ao municipio. Tamén abrimos as portas a todas as administracións, evitamos calquera tipo de confrontación e non queremos entrar nelas, incluso as veces cos propios partidos de cada un, porque é moi distinto estar no Goberno que estar na oposición. Por exemplo, houbo unha concentración de alcaldes do Partido Popular polo Plan Único da Deputación, e eu, o alcalde da capital con máis poboación na que goberna o Partido Popular na comarca, non acudín pois non compartín o seu sentir. Se es alcalde, es alcalde de todos e para todos e hai que saber medir moi ben os pasos, a onde vas e que fas, porque estás representando a todos. Eu estou moi agradecido ao Plan Único pero iso non ten que ver con que me guste ou non o seu partido.

Certo é que se outros partidos e administracións fan ben as cousas, hai que dicilo.

Por suposto, eu non comparto nin un catarro co presidente da Deputación, pero este señor ten unha boa capacidade de xestión. A min non me votaron os veciños para que me leve mal coa Deputación, iso a xente non é o que quere. Aos veciños e a nós o que nos interesa é que as axudas e o bo facer veñan de A e de B, é dicir, da Xunta, da Deputación ou do Goberno central.

Claro, todas as axudas benvidas sexan.

Claro, eu teño un sentimento de administración local moi forte pero tamén teño un respecto institucional con todos, o que se define en ser tremendamente institucional con todos. O que supón dicir as cousas a todos por igual, por exemplo, que a Deputación ten que recibir ao rexedor dunha das vilas máis importantes da provincia? si, por suposto. E sigo agardando a que me reciba, e sorpréndeme a actitude que polo momento está tendo, pero o que me di a experiencia é hai que ser cautelosos e agardar.

“Eu teño un sentimento de administración local moi forte pero tamén teño un respecto institucional con todos. O que supón dicir as cousas a todos por igual”

Está satisfeito polo de agora coa súa xestión local?

Si. Moi satisfeito, moi contento e moi síntome moi ledo. Cando cheguei atopei cousas que non me gustaban moito e outras que si, pero o que non se pode é estar botando a culpa constantemente á herdanza recibida. Iso non é de agrado para ninguén.

Como é a súa relación coa oposición, que estivo 16 anos no Goberno local?

Eu entendo que o loito foi profundo, pero que teñen que dar o paso de mudar o loito por traballo e dedicación a Ribadeo. E polo de agora non lles noto ese cambio, non están sabendo escoitar aos veciños. A veciñanza non lles dixo que se puxeran na oposición a criticar, senón que lles dixo poñédevos na oposición e reflexionar non que puidestes fallar. Eu o que lles pido é que se fan a metade da oposición que fixemos nos, xa chega. Porque se poden propoñer, xestionar e facer críticas positivas e negativas.

Falando da gran xestión municipal, conseguiron sacar os orzamentos “récord”.

Si. Estamos tendo unha gran capacidade de xestión, pois aprobalos en cinco meses e que se incrementen en 600.000 euros na inversión fronte os de 2023, e bastante notorio. Ribadeo contará cun orzamento de 12,3 millóns de euros en 2024. Nestes presupostos acredítase unha xestión e unha colaboración coas distintas administracións. Hai que destacar a da Xunta de Galicia e a da Deputación, e esperemos que invistan mais durante este ano. Tamén se acredita que somos rigorosos e estritos nas contas.

Tamén con moitas ganas comezou a reforma do Hospital Asilo. Como se atopan as obras?

Atópase ben en tempo e forma. Estas tarefas levarán 18 meses, malia que coma todas as obras, sábese cando se empeza pero non cando se remata, polo que poda ser que se exceda un pouco no tempo. Esperemos que non. É unha obra importante que non se visualiza desde fora pois estase a traballar totalmente no interior do edificio, pero estes son os primeiros pasos para unha obra fundamental e moi necesaria para Ribadeo. Son unhas obras que teñen un orzamento de 1.600.000 euros e que se solucionan gracias á herdanza de 700.000 euros do Doutor Moreda e outros 700.000 euros da Xunta de Galicia. E a maiores, despois de que entren en vigor os orzamentos autonómicos trataremos de xestionar máis axudas para o que é o equipamento.

E no relativo ao novo centro de saúde e a súa situación?

Pois están chegando os informes preceptivos que tivemos que enviar ás administración á raíz da modificación do Plan Xeral. A data límite para que cheguen todos os informes é o 21 de xaneiro. Despois desa data, chegaran ou non chegaran os informes, o Concello xa pode comezar a facer a modificación puntual do Plan Xeral e enviala á Xunta e aprobala no Pleno municipal.

Ten constancia de que a algúns veciños non lles gusta a localización do novo centro de saúde?

Si, de feito xa nos reunimos pero o que non escoitamos son propostas. Hai que dicir, que xa cando eu estaba na oposición este terreo non era o que máis me gustaba de todos, pero no momento que os técnicos me explicaron todas as casuísticas, non hai outro mellor acondicionado e mellor situado. Urbanisticamente é unha zona verde co cal tan só hai que facer a modificación, pero o custe non é elevado, porque o que non podemos facer é mercar un terreo urbanizable xa que tan só polo terreo habería que gastar millóns de euros. E falando da situación, non hai moitos terreos en Ribadeo mellor situados para esta obra, de feito a Residencia Municipal de Maiores está alí tamén.
Ribadeo está a medrar cara aquel lado e vaise urbanizar e mellorar toda a estrada. Polo que todos estes puntos favorecen a súa elección.

E co edificio vello que se fará?

Acondicionarase e crearanse diferentes espazos como un coworking para empresas, salas multifuncionais e tamén para a administración.

Cales son os principais eixos cos que traballará este Goberno?

Se temos que dividir por onde vai camiñar Ribadeo durante estes 4 anos podemos dicir que será un Ribadeo máis social, co Hospital Asilo, o centro de saúde e seguir mellorando o SAF. O Ribadeo máis rural cun novo plan de infraestruturas estratéxicos e pactado con todos os veciños e no que se atopa o Plan Único da Deputación ou Plan de Camiños da Xunta. O Ribadeo máis sustentable e verde, no que falamos da mellora de parques e xardíns, a mellora integral do campo de San Francisco e do xardín de Indianos, a mellora de infraestruturas e seguir traballando na limpeza. E tamén un Ribadeo con máis servizos, como a creación dun novo aparcadoiro. E por último seguir liderando que Ribadeo sexa a capital turística e cultural astur-galaica, somos a entrada e saída das dúas comunidades.

0.13029289245605