Dani Vega di que os veciños sofren as consecuencias da falta de xestión do Goberno local
Dani Vega asegura que a falta de xestión do Goberno local do BNG provocou o deterioro da rede de auga da que sufrimos cortes continuos. "A estas alturas, os veciños de Ribadeo sofren as consecuencias da falta de xestión do goberno local e da carencia de investimentos en infraestruturas básicas", di Vega, que pon como exemplo algúns dos asuntos abordados no último Pleno.
Sinala que “o primeiro deles foi o servizo público de abastecemento de auga potable, rede de saneamento e depuración para o noso concello. Despois de dezaseis anos de falta de xestión e de investimento, sabemos como está a rede de auga de Ribadeo: con cortes continuos. Agora hai que sacar a licitación o servizo e hai que falar en serio do tema, porque todos queremos un servizo de calidade e non soportar continuos cortes na vila e nas parroquias. Será a próxima corporación a que licite este servizo”.
Vega indica “tratamos tamén outros asuntos de importancia. Un deles, a falta de mantemento do pavillón da rúa Alfredo Deaño. Está completamente abandonado, ata o punto de que chove dentro. Ao mellor agora o BNG nos di que xa xestionou el para que parara de chover e que así non se dea ese problema no pavillón; hai que botarlle moita fe para crer que sexa verdade”.
“En canto ao campo de Outeiro da Devesa, incluso nos dixeron a cantidade que ían investir. Prometérono por activa e por pasiva, pero houbo máis notas de prensa que solucións se deron. Nós, dende a humildade e a responsabilidade, puxémonos en contacto co Fútbol Club Ribadeo para que puidera adestrar no campamento da Devesa. Menos mal que así teñen un campo de xogo, teñen vestiarios e un ximnasio. O goberno, do BNG, quedouse nas notas de prensa e no campo de Outeiro da Devesa non hai nada”.
Daniel Vega pregunta polo suposto investimento que se ía facer no hangar de piragüismo. Quere saber a canto ascendeu e se se firmou o contrato, porque é sabido “que hai que incrementar a cantidade orzamentada e que non se firmou o contrato; polo tanto, promesas e máis promesas, pero detrás das notas de prensa non hai nada”.
Os populares poñen de manifesto numerosas deficiencias nas rúas. Vega di: “Na rúa Virxe do Camiño hai un problema que se arrastra dende hai anos: beirarrúas totalmente abandonadas e ramplas con moito perigo. As persoas con mobilidade reducida non poden pasar por alí. Isto trae moitos problemas a moitos veciños. Igual que a falta de visibilidade que hai na rúa Rafael Fernández Cardoso, pola mala situación dos contedores e polo mal deseño dun paso de peóns moi pegado a unha curva. Hai risco de accidente. Hai que poñerlle solución canto antes, como nos dixeron moitos veciños”.
A lista de deficiencias é longa. O portavoz popular destaca: “Tamén hai un problema, que tampouco é de agora, que é a falta de xestión para novos aparcadoiros. O que temos en Ribadeo son lameiros. O BNG quérenos facer crer que o que hai xunto á estación de buses é un aparcadoiro; nós dicimos que é un lameiro. Ou o que hai ao lado do Gadis: lameiro de inverno e unha nube de po no verán. On na rúa Daniel Cortezón, en Pintor Fierros e nese gran aparcadoiro que anunciaron aos catro ventos e que realmente é un lameiro, no que a terra chega ás rúas. E o suposto aparcadoiro que se ía facer en Rinlo, pero que á hora da verdade o único que hai é unha promesa incumprida por parte deste goberno”.