Dani Vega, alcalde de Ribadeo: "Afronto este reto con moitísima ilusión, e tendo clara a responsabilidade que supón"

AMariñaXa
Daniel Vega é o novo rexedor do concello de Ribadeo tras acadar a maioría absoluta nas pasadas eleccións do pasado 28 de maio.
daniel vega Ribadeo PP
19 Xuño 2023

Por Ana Somoza López.

Daniel Vega é o novo rexedor do concello de Ribadeo tras acadar a maioría absoluta nas pasadas eleccións do pasado 28 de maio. Este técnico agrícola, sempre vencellado ao mundo rural, volve a poñer á dereita á fronte do Goberno de Ribadeo tras dúas decadas de mandato do BNG, os catro primeiros en coalición co PSOE.

Ser alcalde é unha responsabilidade. Como afronta este reto?

Afronto este reto con moitísima ilusión, con moitas ganas de traballar por Ribadeo tendo clara a responsabilidade que supón e, sobre todo, moi agradecido pola confianza que depositaron os ribadenses en nós. Esa confianza non é un papel en branco; senón que esixe cumprir co prometido e estou seguro de que o faremos así. Xa o fixemos ao longo do anterior mandato desde a oposición e seguirémolo facendo agora que estamos no goberno.

Como describiría Ribadeo e as súas xentes?

Ribadeo é un pobo marabilloso e acolledor pola forma de ser das súas xentes: persoas abertas, traballadoras, loitadoras e moi implicadas co noso pobo. Ribadeo ten moita riqueza natural tanto no interior coma na costa e un destacado patrimonio cultural e arquitectónico. Non podería vivir noutro sitio que non fose Ribadeo.

Para os populares era importante conseguir a Alcaldía ribadense?

Para o noso equipo mellorar o que se estaba a facer no goberno de Ribadeo era moi importante. Estes catro anos estivemos traballando para reverter a parálise na que se atopaba Ribadeo en canto a investimentos. Facer isto desde a oposición é moi difícil, mais o pobo percibiu que isto era positivo e decidiu confiar en nós para gobernar os próximos catro anos.

En varias ocasións citou que as persoas que o acompañarán son 100 % ribadenses. Que significa para o seu goberno?

Na nosa lista todas as persoas están censadas en Ribadeo e viven en Ribadeo: hai un compromiso claro co pobo. Para nós o único xeito de querer a Ribadeo é vivilo.

Xa ten plantexado o goberno?

Si, un goberno que ten claro os obxectivos: traballo, xestión e dedicación ao noso pobo. Será un goberno ben estruturado co obxectivo de ser eficaz. Os distintos concelleiros do equipo asumirán responsabilidades en áreas coas que teñan vinculación.

Cre que a oposición llo poñerá fácil?

Non o sei. O que espero é que traballen e sexan leais co pobo de Ribadeo.

Herda temas importantes como o plan das catedrais, a Concesión da auga, a rehabilitación do hospital asilo ou o centro de saúde. Que nos pode dicir sobre estes temas?

Practicamente todos estes proxectos son propostas nosas: o novo centro de saúde foi unha xestión do noso grupo municipal que conta cun investimento de 3,8M€ e é clave para incrementar os servizos sanitarios en Ribadeo. A reforma do Hospital Asilo tamén fomos nós quen a reivindicamos, preocupámonos por reubicar durante as obras ás persoas que alí viven e traballamos para achegar investimento para realizar esa obra. O Plan das Catedrais e a concesión da auga son dous asuntos nos que levamos 20 anos de parálise. Comprometémonos a traballar en serio para facer realidade estes proxectos.

Pode debullarnos os seus proxectos inmediatos?

Imos poñer en marcha un novo plan municipal de residuos. Actuaremos de urxencia na limpeza de rúas e contedores, xardíns e áreas recreativas e praias. Tamén actuaremos de emerxencia desbrozando as pistas das parroquias. Actuaremos na reforma do Hospital Asilo e aportaremos os terreos para construír o novo centro de saúde.

E a longo prazo?

Traballaremos en dotar de aparcadoiros dignos tanto a vila como as parroquias e impulsaremos o noso polígono industrial. Baixaremos os impostos para dinamizar a economía de Ribadeo. Melloraremos infraestruturas necesarias para Ribadeo. Con isto lograremos poñer Ribadeo onde se merece e sacalo da parálise.

Que se fará polas parroquias?

As parroquias merecen un trato de primeira. Levaremos a cabo unha limpeza e conservación permanente das parroquias. Elaboraremos un plan de infraestruturas serio e pactado cos veciños. Investiremos e conservaremos os locais sociais. Dinamizaremos as parroquias con actividades culturais, non só nunha época do ano. É necesario desestacionalizar a cultura. Impulsaremos a economía (sector primario, enerxías renovables, sector forestal...). Unha das primeiras medidas será poñer puntos de descarga de madeira. O rural ten vida e debemos aproveitala.

Como compaxinará os cargos de alcalde e de parlamentario?

Ambos cargos non son compatibles por lei, deixarei de ser deputado autonómico. Escollín Ribadeo fronte ao Parlamento de Galicia.

Pódese dicir que conta cun perfil e unha presenza bastante activa nas redes sociais. Que papel cre que teñen que ter estas novas canles de comunicación na súa xestión diaria?

As redes sociais son unha ferramenta de comunicación cos veciños eficaz e directa. Ademais dos medios tradicionais (prensa, radio...) sempre considerei que era necesario ir cos tempos e transmitir a información a través destas canles. Creo que é moi necesario achegar aos veciños que é o que se está facendo no goberno de Ribadeo e as redes sociais son fundamentais para comunicar.

RIBADEO PP eleccions Dani Vega
RIBADEO PP eleccions  Foto novo equipo de goberno
0.15602493286133