Dani Caxete: Unha obra que quedará no tempo e renovará o patrimonio

AMariñaXa
O fotógrafo e muralista Dani Caxete afronta o reto de pintar un mural dedicado ao Cristo da Agonía, combinando respecto pola tradición e a súa propia visión
Viveiro-Dani-Caxete-mural
27 Sep 2025

Por Ana Somoza.

A nova decoración encargada pola Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro xa está en marcha: un mural de gran formato dedicado á figura do Cristo da Agonía, unha das imaxes máis veneradas da cidade, tallada en 1946 polo escultor José Rivas. O autor é Dani Caxete, fotógrafo especializado en astrofotografía e paisaxe astronómica, ademais de ilustrador, deseñador e pintor con longa traxectoria.

O proxecto foi ideado case por casualidade. O propio artista contou que a primeira conversa xurdiu na inauguración do Mareómetro de Celeiro, cando Pepe Veiga, membro da organización, lle preguntou se estaría interesado en realizar un mural relacionado coa Semana Santa. “Aquela proposta sorprendeume, pero tamén me encheu de ilusión. Tiña diante unha oportunidade única para aportar algo á miña vila desde a arte”, recorda.

ORGULLO E RESPONSABILIDADE.

O mural estará situado nun lugar cheo de simbolismo, na contorna da Avenida de Lourdes, a carón da igrexa de Santa María e do convento das Madres Concepcionistas. Para Caxete, traballar nese espazo supón un reto especial: “Sempre é un orgullo amosar o meu traballo en Viveiro. Poder realizar unha das miñas obras no casco histórico é, en certo modo, pasar a formar parte da súa historia, coa responsabilidade que isto implica”.

Cando a temática é relixiosa, subliña, a responsabilidade medra aínda máis. “Representar algo tan cargado de paixón como a Semana Santa require o máximo dos meus respectos e agarimo. Sei que terá moita repercusión na vila e por iso tento ser moi coidadoso en cada decisión”.

A ELECCIÓN DO CRISTO DA AGONÍA.

A liberdade inicial do encargo permitiulle escoller o motivo. O pintor explicou que foi el quen decidiu centrarse no rostro de Xesucristo, aínda que a semellanza co Cristo da Agonía fixo que a idea inicial mudase lixeiramente: “Cando presentei os primeiros bosquexos, decateime de que aquela expresión lembraba inevitablemente á imaxe de José Rivas. Decidín entón aproximarme máis a ela, porque é un símbolo para Viveiro e para a súa Semana Santa”.

O reto, sinala, está en combinar fidelidade e personalidade propia: “O obxectivo é plasmar esa semellanza coa obra de Rivas e, ao mesmo tempo, aportar algo de min nesta representación”.

O REALISMO CLÁSICO.

O estilo escollido será o realismo clásico. A técnica combinará aerografía, pinceis, brochas e rolo, adaptándose á textura complexa do muro: “A parede ten moita rugosidade, o que dificultará chegar ao detalle. Por iso decidín facer un enorme retrato en gran formato, onde a forza radique na mirada e na expresividade”.

O artista non quere limitarse a reproducir unha imaxe. A súa intención é equilibrar respecto pola tradición e unha achega contemporánea: “Busco unha imaxe en diálogo co clásico, con algún detalle que se poida considerar innovador, se é que algo pode ser innovador na pintura nestes tempos”.

Nos bosquexos, tivo en conta as tonalidades e o encaixe no entorno histórico-artístico, polo que o proxecto recibiu o visto bo da Comisión de Patrimonio. Pero prefire non dar todo por pechado: “Na cabeza e nos esbozos a idea está asentada, pero sempre xorde algo novo no momento de pintar. A propia parede, a luz ou a localización poden modificar a obra. Iso é o que máis me apaixona: nada está garantido de antemán”.

A MENSAXE.

Caxete recoñece que non busca grandes proclamacións conceptuais. O que lle daría satisfacción é comprobar que a obra transmite unha pequena parte da emoción que xera a talla orixinal: “Se ao contemplar o mural, algunha persoa sente unha pinga da mesma luz coa que miran ao Cristo da Agonía de José Rivas, eu xa me daría por satisfeito”.

TRINTA ANOS DE EXPERIENCIA.

A súa traxectoria é ampla. Con máis de tres décadas na pintura, traballou en proxectos de aerografía e escultura para institucións e empresas como o Museo CosmoCaixa, Fitur, Coca-Cola, Movistar, Repsol ou TVE. Confesa que esas experiencias ensináronlle moito, aínda que ás veces supuxeron limitacións creativas: “Nos encargos publicitarios non queda moito espazo para a creatividade. Pero procuro aprender de todo e recoller o mellor para ser máis resolutivo á hora de crear unha obra”.

Ese espírito aberto permítelle sorprenderse con ideas alleas que, en principio, non vía claras e que logo resultaron revitalizadoras: “Ás veces, unha proposta que non comprendía acaba dando frescura a un traballo que podería caer na rutina”.

PINTURA E FOTOGRAFÍA, UN DIÁLOGO CONSTANTE.

A carreira de Caxete non se limita á pintura mural. É tamén un recoñecido fotógrafo de paisaxe astronómica. Explica que ambas disciplinas camiñan en paralelo: “Fotografía e pintura foron sempre moi parellas. Incluso cheguei a unilas cando restauraba fotografías antigas deterioradas, coloreándoas a man ou debuxándoas a carboncillo. O que hoxe se fai cun click antes era tremendamente laborioso e artístico”.

Esa experiencia levouno a valorar a evolución tecnolóxica da fotografía e a mergullarse na astrofotografía. Co paso dos anos, especializouse na captura de imaxes da Vía Láctea, do espazo profundo e da planetaria.

RECOÑECEMENTOS INTERNACIONAIS.

O seu traballo foi recoñecido pola NASA en cinco ocasións na súa sección Astronomy Picture of the Day (APOD). Tamén recibiu distincións do Museo de Greenwich, do National Maritime Museum e da Universidade de Cambridge, ademais de publicacións en revistas internacionais.

Un dos recordos máis emocionantes foi o comentario de Chuck Wood, administrador de LPOD e antigo traballador da NASA, cando viu unha escultura lunar súa en poliexpán e cemento: “Dixo: ‘Que lúa tan marabillosa! Sabía polas túas fotos que eras artístico, pero isto demostra que tes aínda máis habilidade da que imaxinaba’. Que cho diga alguén con cinco atlas lunares publicados é un momento que non se esquece”.

PACIENCIA E PRECISIÓN.

Sobre a relación entre a pintura e a fotografía, considera que ambas requiren paciencia e precisión: “Din que un se volve experto tras 10.000 horas de práctica. Eu creo que xa dobrei esas horas tanto en pintura como en fotografía, pero sigo sen considerarme experto e aprendendo en cada proxecto”.

A diferenza, explica, é que na pintura pode recrear calquera mundo coa técnica e o tempo axeitados, mentres que na fotografía real hai factores externos imposibles de controlar: “Moitas veces perseguín unha foto durante anos, repetindo viaxes ao mesmo lugar, e cando por fin sae, para o público semella unha imaxe casual, tranquila, cando en realidade hai moito esforzo detrás”.

VOLVER A VIVEIRO.

Aínda que reside en Madrid, volver a Viveiro é sempre especial: “Xa sexa por traballo ou pracer, é unha ledicia. Para min significa moito que a Xunta de Confrarías pensase en min para o cartel do ano pasado e agora para este mural. Sempre emociona sentirte valorado no teu pobo”.

PROXECTOS EDUCATIVOS E CULTURAIS.

Nos últimos meses tamén desenvolveu proxectos educativos en Viveiro, como un mural no CEP Lois Tobío: un cronograma simplificado do universo de 25 metros de longo, no que participaron os nenos e nenas pintando estrelas. “Foi unha experiencia incrible. Eles tamén puideron probar o aerógrafo e recibir unha pequena clase de astronomía”.

Ademais, organizou actividades de observación solar e lunar cos máis pequenos, utilizando telescopios e proxeccións en pantalla. “As reaccións ao mirar polo telescopio non teñen prezo”, di.

Entre os seus plans máis inmediatos está un proxecto videográfico relacionado co mar e a creación dunha plataforma chamada Atarazana, que pretende reunir artistas e artesáns galegos nunha galería virtual para promover e vender as súas obras.

UNHA OBRA QUE QUEDARÁ.

En definitiva, o mural do Cristo da Agonía será moito máis que unha pintura nun muro. Para Dani Caxete, supón un reencontro coa súa cidade natal, un exercicio de memoria e respecto pola tradición relixiosa, e tamén unha oportunidade de aportar unha peza de arte contemporánea ao patrimonio de Viveiro.

“El sabe que non será unha obra calquera”, comentan desde a organización. “Será un mural que quedará, unha imaxe que acompañará á xente cada vez que pase por ese recuncho histórico da cidade”.

Caxete, pola súa parte, resúmeo cun desexo sinxelo: “Se alguén, ao miralo, sente un pouco da mesma emoción coa que contempla a imaxe de José Rivas, entón o mural cumprirá a súa función”.

 

⚙ Configurar cookies
0.091506958007812