Dambara de Burela: “O máis importante é o relevo interxeracional, que os pequenos aprendan dos maiores e ao revés”

AMariñaXa
A Asociación Cultural Musical Dambara, que conta cunha agrupación musical e unha banda de gaitas, celebra o seu 25 aniversario e mantén o seu compromiso social co municipio
dambara_burela_25_aniversario
24 Aug 2024

Lucía Blanco

“Nós cremos que a música é moito mais que as negras e as corcheas, aporta uns valores humanos de compañeirismo e de solidariedade moi importantes na sociedade que vivimos”. Baixo esta premisa traballan na Asociación Cultural Musical Dambara, que dirixe o músico e profesor Albano González. A formación, que conta cunha agrupación musical e unha banda de gaitas tradicional, cumpre 25 anos de vida. “Os inicios foron no 1999. Ese ano comezamos a ensaiar e tocamos por primeira vez no 2000 dentro dunha das confrarías da Semana de Santa de Burela”.

O tempo e a profesionalización da banda levounos a secularizarse. “A adquisición de instrumentos e de traxes supoñía unha carga importante para a confraría, así que puxémonos a camiñar sos”, lembra. Actualmente conforman un dos colectivos imprescindibles nesta vila mariñá e o seu cento de socios confirma que a música non entende de idades. “Iso é o máis importante, o relevo interxeracional e o traballo compartido porque aprenden os pequenos dos maiores e ao revés. A parte de formarnos musicalmente e aprender unha disciplina artística tan importante como a música para o desenvolvemento das persoas, a rapazada tamén aprende un montón de valores”.

Na súa escola de música suman alumnos dende os 5 ata os 80 anos. “Apostamos por un modelo educativo único, inclusivo e que facilita a incorporación de rapaces e rapazas que poden estar en risco de vulnerabilidade social”. E fano a través dunhas becas anuais. “Se vemos que é un caso especial poden estudar a coste cero. Terían os instrumentos, os uniformes e a formación de balde. E para as persoas que non precisan esa beca, o modelo educativo tamén é moi asumible. Costa menos de 2 euros a semana formarse musical e persoalmente na nosa asociación”, di González.

Nestas dúas décadas, a banda de gaitas Dambara e a agrupación Santo Inocencio continúan a espallar a tradición máis aló das nosas fronteiras. “Gustan bastante dentro de Galicia e fóra. Por exemplo, no 2012 estivemos representando a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, o más importante do mundo e foi un orgullo e un recoñecemento ao traballo de tantos anos”. O ritmo de traballo aumenta agora durante os meses de máis calor. “Actúan durante todo o ano con entidades municipais, provinciais e con distintas comisións que organizan distintos eventos e tamén coa Deputación de Lugo a través do programa Tradigalu. Pero destas actuacións, que poden ser arredor 30 ao ano, unhas 20 son no verán por Galicia, por todo o estado, por Portugal e por Francia”. O que esixe unha dedicación por parte dos integrantes que supón sacrificar o tempo libre.

“Conforme se van profesionalizando vanche pedindo máis tempo. Como director musical, gustaríame valorar a disposición de todos os músicos e músicas que deixan o seu tempo de lecer, as familias e as parellas por vir a ensaiar, a tocar e a facer cultura. E iso é moi importante”. Á marxe dos concertos, manteñen un compromiso cultural e social coa vida do municipio. “Facemos distintos eventos e actuacións aquí porque cremos que a cultura é un dos piares fundamentais nos que ten que asentarse unha sociedade democrática, contemporánea, feminista e igualitaria”.

Festa da Música

Entre as citas habituais, destacan os pasacalles de Nadal e a Festa da Música, na que lograron xuntar dúas ducias de grupos de toda a bisbarra e tamén de distintos puntos do territorio nacional. “O enfoque que lle damos é un día de convivencia, unha xornada na que as agrupacións musicais que fan distinto tipo de música, como música tradicional, de banda, caborverdiana, grupos de rock e de rap, conviven nun día no que todos nos retroalimentamos”. A celebración volverá a facer vibrar a Burela en novembro, aínda que antes arrincan coa conmemoración do 25 aniversario.

“Será a principios de mes e faremos un concerto especial no que invitaremos a exmembros e outros grupos cos que temos colaborado, unha cea gala e tamén faremos unha exposición de fotos dos traxes dos instrumentos que utilizamos nestes anos”. Con estas iniciativas lembran o esforzo de todo este tempo no que traballan de maneira desinteresada a favor da tradición. “Estamos medianamente satisfeitos coa axuda que temos por parte das administracións públicas, aínda que sempre poderían facer un pouco máis e tamén é o que nos toca esixir a nós como axentes de cultura”.

O apoio dos bureleses e do tecido asociativo anímaos a seguir dinamizando a aposta cultural. “Estamos moi contentos co recoñecemento social de toda a veciñanza, doutras asociacións musicais e culturais da vila e de cada sitio que imos. Por exemplo, este é o décimo sexto ano que tocamos en Navia, en Asturias, só faltamos pola pandemia. Ao final se te chaman para tocar tantas veces dende o mesmo sitio significa que algo estamos facendo ben”, conclúe Albano.

 

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17897820472717