Da Escola á Granxa prepara a terceira edición con 34 granxas participantes
O deputado de Rural Daniel García reuniuse esta tarde con representantes das 34 granxas e proxectos de emprendemento no rural que participan na terceira edición do programa Da Escola á Granxa, que se consolidou como o proxecto de maior investimento e proxección que está a desenvolver a área da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O acto, que se celebrou nos Xardíns do Pazo de San Marcos e que contou tamén coa presenza de asociacións gandeiras que colaboran activamente na iniciativa – Asoporcel, Boaga, Ovica, Puraga, Avimós e Agromuralla - e coa presidenta da Fapacel Isabel Calvete, serviu para coordinar as actividades a desenvolver nas visitas e obradoiros dos vindeiros meses, que teñen como obxectivo común transmitir ás xeracións máis novas a importancia do rural para a produción de alimentos e á conservación do territorio.
O deputado de Rural Daniel García agradeceu “a colaboración de todas as entidades na consolidación do programa” e valorou a evolución do proxecto que, nestes tres anos, foi medrando cuantitativamente “pasando das 25 granxas que participaron na primeira edición ata as 34 actuais e das 70 ás case 130 visitas e obradoiros que se desenvolverán este ano” e tamén cualitativamente, “ampliando a cobertura e creando unha rede de granxas e pequenas producións agroalimentarias que demostra a potencialidade da actividade agrogandeira en todo o territorio da provincia e que teñen as ferramentas e a experiencia para actuaren tamén como axentes educativos”.
Nova edición de Os Bolechas. Da Escola á Granxa
O acto tamén serviu para a presentación da nova edición do libro Os Bolechas. Da Escola á Granxa, no que as granxeiras e granxeiros que participan no programa se converten nuns personaxes máis do universo creado por Pepe Carreiro e co que se agasalla a todas as nenas e nenos que participan nas visitas. A publicación, que recolle fichas descritivas das 34 granxas e proxectos de emprendemento no rural reforzou o seu contido didáctico coa introdución de conceptos relacionados coa agricultura, a gandería e a produción agroalimentaria e cun caderno de actividades.
O deputado Daniel García subliñou que a publicación, que se concibiu como un material de apoio para as visitas, ofrece tamén a posibilidade de transmitir ás nenas e nenos a importancia do rural para a produción alimentaria en distintos contextos educativos ou de divulgación.
Granxas Participantes
Da Escola a Granxa implica nesta terceira edición 34 granxas e proxectos de emprendemento no rural repartidos por todo o territorio da provincia, e con actividades diversas desde a produción de froita e produtos da horta, ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos, lácteos, marmeladas, embutidos, galletas ou envasado de produtos autóctonos.
As granxas que se incorporaron ao programa este ano foron gandaría de ovino de Ana Pérez Boo, en Abadín, a gandería de vacún de leite Mantoño, en Barreiros, a produción apícola O Trobo, no Valadouro, a granxa de porco celta en extensivo Porco Celta de Outeiro, en Castro de Rei, a gandería de vacún autóctono e ecolóxico de Lois Varela Carreira, en Palas de Rei, a granxa de porco celta e horticultura Froitos da Horta A Ruliña, en Carballedo, a queixería e produción de vacún de leite Puluán en Monforte e a gandaría de angus Granxa Angus do Campo, en Castroverde.
Súmanse a outros proxectos que xa recibiron visitas nas pasadas edicións: Cooperativa A Carqueixa ( ganderías IXP Tenreira Galega) de Cervantes, A Casa da Fonte (produtos lácteos con pastoreo en extensivo) de Ferreira de Pantón, Airas Moniz (queixaría e lácteos artesáns), Arqueixal (queixaría e lácteos ecolóxicos), Avicava Natur SC (cabrún e vacún en extensivo) Casa Bértolo SC (agricultura e gandaría sostidas pola comunidade) de Friol, Caurelor (castañas, marmeladas e mel) de Quiroga, Casa Labradela (porco celta, mel e vacún cabalar) de Xove, Champivil (envasado de produtos autóctonos e naturais) de Vilalba, Daveiga Galletas Mariñeiras de Chantada, El País del Abeyeiro (apicultura tradicional e ecomuseo) de Negueira de Muñiz, Embutidos Suarna de Navia de Suarna, Gandería Alejandro Salvatierra (gando en extensivo), Gandeíra Quintián (queixaría e vacún de leite) do Páramo, Granxa Aeiroá (granxa avícola e ovella galega) de Láncara, Granxa Teixeiro e Pistón (cabrún e cabalar en extensivo) de Becereá, Milhulloa (herbas medicinais e cosmética) de Antas de Ulla, SAT Lodos e Pérez (vacún leiteiro en extensivo), SAT O Palomar (vacún leiteiro), Sen Máis -As Vacas da Ulloa (leite e lácteos ecolóxicos) de Palas de Rei, Terras da Mariña (produción de Faba de Lourenzá) de Lourenzá, Muvicla museo de maquinaria agrícola, gando vacún e mazás en ecolóxico) de Láncara, Pazo de Vilane (granxa avícola e produción de ovos) de Antas de Ulla e Traloagro (gando vacún e avícola ecolóxico) de Friol. Tamén fan parte da oferta educativa Tropic Gaia e Adega, que farán obradoiros de horta e de educación ambiental nos propios centros.
Da Escola á Granxa
O programa Da Escola á Granxa financia visitas escolares a granxas e proxectos de emprendemento no rural, a través de subvencións de concorrencia competitiva a Anpas de centros educativos de infantil e primaria, priorizando as de municipios de menos de 20.000 habitantes.
As anpas reciben achegas entre os 300 e os 900 euros para financiar o custo da actividade e o desprazamento ata as granxas e producións agroalimentarias que participan no programa, que conta cun orzamento total de 100.000 euros.
A Xunta de Goberno da Deputación Provincial aprobará o vindeiro venres a resolución da convocatoria, coa listaxe das anpas beneficiarias das actividades nesta terceira edición, que se desenvolverán ata final de ano, de acordo co calendario coordinado entre as anpas e as granxas.