Cyrus Chestnut Trío abrirá o Festival de Jazz&Blues de Ribadeo

AMariñaXa
Con músicos galegos, nacionais e internacionais de jazz, de blues, soul, funky ou góspel
201124-CYRUS-CHESTNUT
20 Nov 2024

O estadounidense Cyrus Chestnut Trío abrirá a décima edición do Festival de Jazz&Blues de Ribadeo este sábado, día 23 de novembro ás 20.00 horas, no auditorio municipal Hernán Naval.

A promotora deste festival, Game Over Productions, explica: “Cyrus Chestnut é un pianista que creceu en Baltimore e ten tras de si unha historia fortemente ligada aos estilos de cada unha das estrelas coas que tivo o privilexio de compartir música. Desde Wynton Marsalis a Dizzy Gillespie, desde Betty Carter a Freddie Hubbard, desde Jon Hendricks a Kevin Mahogany. E, por encima de todo, está a súa paixón polo góspel e pola tradición do piano de jazz. Un músico que evita sempre a estandarización, fomenta unha inventiva repleta de alusións á vasta historia desta música e sabe asentar como poucos en pracenteiros termos de audibilidade, as explosións libres dunhas composicións en cuxa brillante resolución fai evidente que pertence a unha xeración de pianistas que parece non ter teito. Tamén apareceu na película Kansas City, de Robert Altman, na que interpreta a un pianista inspirado en Count Basie”.

A organización destaca que Cyrus Chestnut Trío “actuou o día 17 deste mes no Festival Internacional Jazz Madrid e as entradas para ese concerto tiñan un prezo de 32 euros”.

O Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, que este ano chega a súa décima edición, vense celebrando na vila ribadense coa participación dos mellores músicos galegos, nacionais e internacionais da música negra en xeral, tanto de jazz como de blues, soul, funky ou góspel. Polo seu escenario desfilaron figuras da talla de Hiromi, Nicholas Payton, Ray Gelato, Eric Sardinas, Andrea Motis, Marlango, Jorge Pardo, Zenet, Sumrrá, Abe Rábade, etcétera. Nesta ocasión celebrarase entre o 23 de novembro e o 7 de decembro e terá como sede principal o auditorio municipal Hernán Naval, de Ribadeo.

0.19307112693787