Curso de forxa tradicional en Sargadelos para preservar un oficio con séculos de historia

Do 4 ao 8 de agosto, o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos acolleu un curso de iniciación á forxa tradicional, impartido polo recoñecido artesán Telmo Cao no seu obradoiro, situado na antiga nave de fundición. Este edificio, que data do século XVII, foi restaurado e cedido polo Concello de Cervo no ano 2020, converténdose nun espazo de referencia para actividades vinculadas ao patrimonio.
A proposta reuniu a dez participantes interesados en achegarse a este oficio mediante unha formación teórico-práctica, desenvolvida nun contorno singular e con prazas limitadas. O curso contou cunha subvención parcial do Concello, co obxectivo de facilitar o acceso á aprendizaxe e impulsar a preservación desta disciplina artesanal.
Durante o transcurso da actividade, a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, visitou ao alumnado e destacou “a importancia de manter vivos os oficios tradicionais e fomentar a súa transmisión a través de accións formativas coma esta, que conectan á veciñanza co seu patrimonio material e inmaterial”.
A rexedora subliñou ademais que o apoio municipal a este tipo de iniciativas busca asegurar a continuidade de saberes que forman parte da identidade cultural de Cervo, apostando pola recuperación e dinamización do patrimonio artesanal.
Telmo Cao, cunha longa traxectoria na forxa artística e na escultura en metal, leva anos creando pezas únicas no seu taller. Con esta iniciativa, volveu abrir as portas do seu espazo de traballo para compartir os seus coñecementos e contribuír á pervivencia dun oficio con fondas raíces na tradición galega.