Culpan ao goberno de Burela de desidia por non enderezar sinais e desatender os baños do Monte Castelo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O PP de Burela denuncia que o alcalde en funcións segue a facer piruetas circenses para non asumir a súa responsabilidade ante “a parálise funcional” na que se atopa o Concello.
20 Sep 2019

O PP de Burela denuncia que o alcalde en funcións segue a facer piruetas circenses para non asumir a súa responsabilidade ante “a parálise funcional” na que se atopa o Concello.

Isto é o que se deduce trala situación tan vergoñenta que se deu no pleno extraordinario do pasado mércores no que, trala convocatoria dos puntos do día entre os que se incluía o de rogos e preguntas por primeira vez dende que o señor Llano é alcalde e tralas presións exercidas polo grupo popular, o alcalde en funcións tratou, ante o asombro dos asistentes, de saltarse o devandito punto.

Trala advertencia do portavoz do PP reconduciuse a situación e o rexedor municipal “puido facer gala, unha vez máis, das súas habilidades para escorrer o vulto da súa nula actuación á fronte do municipio burelao”, afirman.

Tal é así que, no turno de rogos o grupo municipal popular, único grupo da oposición que exerceu a oportunidade de facer unha boa labor fiscalizadora sobre as accións de “goberno”, segundo eles mesmos sinalaron, manifestou a necesidade de que se endereitaran diversas sinais que levan meses torcidas, tanto na Avenida Arcadio Pardiñas como na zona do Campón, preto dos institutos e da zona hospitalaria.

A sorprendente resposta é que “iso xa se revisaba tódolos días e que non había tantas”, restándolle desta forma moita importancia ao feito de que especialmente, na zona do Campón, hai numeroso tráfico estudantil e hospitalario. A día de hoxe, as sinais seguen igual de tortas que hai meses. Se o día de mañá sucede algún percance como consecuencia dunha deficiente sinalización, “o Sr. Llano procurará, como xa ten por costume, botarlle a culpa a outros”, manifestan.

No que respecta ao segundo rogo presentado polo PP relativo ao estado do total abandono no que se atopan os baños do Monte Castelo, a resposta foi máis sorprendente. Segundo manifestou o alcalde en funcións “o que hai que facer no Monte Castelo é unha actuación integral”, polo tanto non pensa reverter a situación de insalubridade dos baños públicos do Monte Castelo ata que dita actuación se leve a cabo, sen aportar ningún tipo de data.

0.14722919464111