Cuestión de números

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
11 Nov 2022

Por Pablo Veiga

Pasou o verán, inicio de curso escolar, empeza o outono, setas e castañas, e cando nos deamos conta, teremos o nadal ás portas. O tempo non para con ninguén e nada o pode deter. Sempre se fala das dificultades das familias con nenos á hora do retorno ás clases. Libros, material e roupa supoñen un gasto importante que cómpre afrontar, con maior ou menor solvencia por parte dos afectados. Pero no que levamos de ano, segundo os datos oficiais, a inflación vai disparada, xa que ronda o dez por cento, é dicir, que o custe da vida subiu esa porcentaxe, cando habitualmente estaría sete ou oito puntos menos. Evidentemente, os salarios e os beneficios dos autónomos e pequenas empresas non subiron en nivel semellante, senón máis ben todo o contrario, con aumentos mínimos, estancamento ou incluso perdas. Como consecuencia de todo elo, unha merma no poder adquisitivo da xente, isto é, que andamos en xeral moito máis xustos que en anos precedentes.

É a economía, estúpido, un lema este do ano 1992 que axudou a que un candidato a presidente dos Estados Unidos resultase vencedor. Sen dúbida, os números son os que mandan e aí máis ou menos, todos nosoutros sabemos sumar e restar. Esa é a cuestión. Varios son os factores que inciden nesta situación que estamos a vivir.

A invasión de Ucraína trouxo uns efectos nas nosas vidas cotiás; que llelo digan aos gandeiros, quen viron da noite para a mañá como se disparaba o gasto en pensos dunha maneira exponencial.

Logo veu o asunto do combustible, que incide negativamente nas granxas, pero tamén noutros moitos sectores produtivos, como o transporte ou a pesca, así como no conxunto da poboación que utiliza o seu vehículo particular con maior ou menor frecuencia. E por riba de mel filloas, porque o prezo da luz e do gas parece que non ten límites, pero cara arriba. De aí que todo, absolutamente todo, estea máis caro do habitual, desde os bens de primeira necesidade como son os alimentos ata os distintos servizos dos que facemos uso na nosa vida cotiá. Centrándonos no gasóleo e gasolina, botabamos as mans á cabeza cando pasaba do euro ou chegaba ata o euro vinte, pero é que na actualidade roza os dous. O máis gracioso, aínda que non sexa un chiste, é que nos parecerá unha bicoca cando se estabilice en torno ao euro e setenta céntimos, un importe que vemos nos países alén dos Pirineos, pero onde os soldos medios son moi superiores aos que temos en Galicia.

Quen detén esta tendencia ou quen ten un mínimo poder para tratar de que polo menos se ralentice un pouco… Unha pregunta esta que non atopa resposta. Escoitamos en distinos debates teorías, discursos e propostas duns e doutros, pero que non se concretan na realidade.
Estamos camiñando por un carreiro cheo de perigos e as vindeiras xeracións poden pagar moi cara esta desfeita. Por diante, existe un grande desafío. Agardemos que estas circunstancias muden e se albisque un futuro máis esperanzador.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17756295204163