Críticas veciñais polo peche do aparcadoiro de Rosalía de Castro para un evento gastronómico

AMariñaXa
Residentes lamentan que se restrinxa o estacionamento por unha competición de hamburguesas que, din, pouco beneficio deixa no comercio local
Aparcamento-Ribadeo-avenida-rosalia-de-castro-pechado
29 May 2025

O peche temporal do aparcadoiro situado na avenida Rosalía de Castro de Ribadeo xerou malestar entre parte da veciñanza. Segundo denuncian, a medida adoptada polo Goberno local en previsión da celebración dunha competición de hamburguesas, prevista ata o 1 de xuño, supón “un prexuízo innecesario para a mobilidade e o comercio do centro da vila”.

“É o aparcadoiro máis céntrico de Ribadeo, o que empregamos diariamente moitas persoas”, sinalan algúns dos afectados, que critican que se peche para “un evento privado, que ademais pouco ou nada contribúe á economía local”. Sosteñen que a competición, promovida por negocios hostaleiros chegados de distintos puntos do país, “non repercute nos bares e restaurantes de aquí, mentres nós quedamos sen onde aparcar”.

A polémica avivouse aínda máis despois de que recentemente non se autorizase á Comisión de Festas de Ribadeo a instalación dun bar no Parque Municipal, actividade coa que tiñan previsto recadar fondos para as festas patronais. “Non se entende que se lle den facilidades a negocios de fóra e se lle poñan trabas a iniciativas que benefician directamente ao pobo”, lamentan os veciños.

Dende a Comisión de Festas de Ribadeo sinalaron que malia que lles houbera gustado facer ese evento recadador para as festas "non foi so cousa do Concello, senón de varios locais de hostalaría que se opuxeron a súa realización"

“Os beneficios da competición de hamburguesas vanse fóra de Ribadeo, mentres que o das festas queda aquí, para os veciños e veciñas”, insisten os veciños. Quen tamén cuestionan a escasa información previa sobre o peche do estacionamento e reclaman máis diálogo e planificación por parte do Concello.

⚙ Configurar cookies
0.15861010551453