Críticas do PP de Viveiro polo estado do saneamento en Galdo
O PP acusa ao goberno local de ter totalmente abandonadas ás parroquias de Viveiro e pon como mostra a Galdo, na que en tres anos só se abriu unha pequena canalización para o saneamento.
"Unha ollada ao estado do casco histórico de Viveiro é suficiente para comprender a falta de eficacia do goberno municipal, presidido pola socialista María Loureiro", segundo sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez. "Con todo, ese mesma falta de xestión causa, di Rodríguez, graves inconvenientes nas parroquias do municipio. Como exemplo pon a Galdo, onde as infraestruturas ou son inexistentes ou non reúnen as condicións necesarias para o seu uso en condicións de seguridade".
Óscar Rodríguez sinala: “O que ocorre en Galdo é un capítulo máis desa novela negra que ten por protagonistas, grazas ao goberno municipal, ás parroquias de Viveiro; a de Galdo é unha situación extrapolable ao resto. Hai un deterioro tremendo, inxustificable, das nosas parroquias, debido ao deixamento impresionante co que opera o equipo de goberno do Concello”.
O portavoz municipal sitúa o foco sobre o inacabado saneamento: “Se alguén vai a Galdo e dá unha volta polo campo da feira verá o improvisado taboleiro de anuncios que hai alí colocado, no que a asociación de veciños vai recollendo a cronoloxía do que acontece co saneamento. Vai para tres anos que se empezou e neste tempo só fixeron unha pequena canalización que está sen conectar; o resto está sen facer. Ese é o resultado dos tres anos de intento de construír o saneamento en Galdo”.
Por outra banda, Rodríguez sinala que “acaban de asfaltar unha pista, a de Portochao polas Engrobias; é de dobre sentido e só ten dous-tres metros de ancho; o perigo é tremendo para vehículos e peóns”. Di que “ hai puntos nos que nas marxes hai desniveis de cincuenta centímetros; é case seguro que haberá danos materiais e esperamos que nos os haxa tamén persoais”.
Por último, Óscar Rodríguez destaca que “en pleno campo da feira hai árbores que chegan ás fachadas das casas e montes sen limpar lidando cos edificios”. Avisa de que “é un perigo tremendo”. En resume, destaca que todo isto “é unha mínima parte do que está acontecendo en Galdo, pero é penoso”.