Creando o novo Cervo do futuro
O Concello está a poñer en valor o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, como lugar emblemático do municipio pola súa importancia natural e patrimonial creando espazos versátiles.
APARCADOIRO. O Concello está a realizar unha mellora integral no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos. Neste sentido, a administración local vén de crear un novo aparcadoiro público que ten capacidade para máis de 50 vehículos.
Tal e como explicou o rexedor, Alfonso Villares, “este novo aparcamento foi concibido co obxectivo de seguir a traballar na posta en valor de toda esta contorna con elo imos conseguir o obxectivo de eliminar a presenza de vehículos das marxes da vía principal para mellorar a seguridade e tamén o impacto visual”. Unha vez rematado, que xa está habilitado ao tráfico, as persoas que visiten o Conxunto Histórico xa teñen unha alternativa real e práctica para estacionar. “A liberación de tráfico desta estrada permitiranos facer máis atractiva a visita a este enclave”, e lembrou ademais, que esta nova infraestrutura tamén servirá para potenciar os negocios establecidos neste espazo para o emprendemento que impulsan desde o Concello.
Nos vindeiros días procederase a acondicionar o firme diante do antigo edificio das Cabalerizas que hoxe alberga o Centro de Emprendemento e Artesanía, limitando o seu tránsito exclusivamente para uso peonil.
PASEO PEONIL. Tamén iniciaron as obras para a construción dun paseo peonil que comunicará a Antiga Real Fábrica de Fundición de Sargadelos coa actual Fábrica de cerámica. O obxectivo principal desta actuación “que é unha aposta municipal pola mobilidade sostible” é o de separar o tráfico peonil do rodado, o que supón unha remodelación integral da estrada establecendo unha nova cuneta de formigón cos seus respectivos desaugues e cruces da vía.
Tamén se vai renovar a rede de abastecemento de auga, propiciando a conexión coa actual fábrica de Sargadelos. “Establecerase unha rede de alumeado público, respectuosa coa paisaxe, entre os dous puntos, executando as canalizacións, o cableado e as luminarias precisas para ofrecer este servizo. Por último, soterrarase o cableado existente na actualidade da rede de telefonía e renovarase a pavimentación dos tramos afectados pola obra”, engadiu.
Tal e como apuntou Villares “con esta actuación pretendemos mellorar a seguridade en toda esta contorna, creando un espazo público de calidade na parroquia de Sargadelos”.
CARBOEIRAS. Por outra banda acondicionouse o edificio das Antigas Carboeiras do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos para dotalo dunha maior versatilidade.
Tal e como explicou o alcalde, “o obxectivo que perseguimos con esta obra é mellorar este espazo que pola súa situación en pleno Conxunto Histórico Artístico, e logo desta actuación, será unha infraestrutura que ofrecerá un sen fin de posibilidades, polas súas características”.
O proxecto contemplou o saneamento interior e exterior dos muros perimetrais da edificación, o saneamento interior das fachadas, a reparación da cuberta e a colocación de canlóns. O interior acondicionouse pensando no aproveitamento óptimo das instalacións para conseguir un espazo adecuado para múltiples fins.
O rexedor puxo en valor esta nova obra “que vén complementar a actuación integral que se levou a cabo nos diferentes edificios do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, como foi a restauración da antiga Nave de Función e das Antigas Cabalerizas, hoxe convertidas nun centro de emprendemento cuxa ocupación está ao 100%”.
“A senda peonil vai permitir crear unha vía de comunicación segura entre a Antiga Real Fábrica de Fundición de Sargadelos coa actual Fábrica de cerámica”
A transformación do barrio cervense da Atalaia é un dos piares fundamentais para ampliar e habilitar novos espazos públicos no municipio e sobre todo abertos xunto ao mar.
Este emblemático barrio cervense contará nun futuro cun novo espazo que consistirá nunha praza para así ampliar os espazos públicos do concello de Cervo.
O edificio deshabitado, que foi adquirido no ano 2021 tras unha complexa negociación cos propietarios, xa foi derrubado por completo a comezos deste ano. Esa edificación ergueuse no ano 1978, cun total de 4 plantas e un soto, co obxectivo de albergar vivendas, e desde entón nunca estivo habitado. Estes terreos, tiñan unha superficie construída de 2.171 m2.
Agora dará paso ás obras de acondicionamento dunha praza pública financiada con fondos do Plan Hurbe da Xunta de Galicia, por un importe superior aos 400.000 euros.
O proxecto pretende conservar os muros de contención, que, xunto cunha serie de piares, servirá de apoio para un forxado reticular que soporte o uso público e os elementos de xardinería. A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos.
“A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos e o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica”
De feito, o novo muro e o banco corrido revestirase cun mural con restos de cerámica. Ademais, o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica do outro lado da rúa.
A zona axardinada representará unha balea feita con lombeiros de terra vexetada. A balea delimitarase con aceiro corten. A maiores, demolerase a beirarrúa do lateral nordés e pavimentarase igual que a rúa.
As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, un programa que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros e que o Goberno galego promove desde hai máis dunha década para axudar ás administracións locais a executar este tipo de proxectos.
Así mesmo e na mesa zona erixirase o primeiro Centro Arqueolóxico da Mariña o primeiro destas características na contorna. Villares explicou “entendemos que todos os restos do Castro da Atalaia como doutros xacementos da nosa zona, merecen ocupar o lugar que lles corresponde para a súa posta en valor”.
Esta futura construción situará a Cervo como referente en materia de arqueoloxía e patrimonio na Mariña ao tempo que repara toda a panorámica da zona”.
Con respecto ao esqueleto no que se situará o Centro de Arqueoloxía da Mariña, Villares recordou, que “o edificio xunto cos terreos, saíu a poxa logo dos trámites administrativos realizados desde o Concello o que permitiu chegar a esta situación. Un camiño que non foi nada sinxelo de percorrer e que nos fai retrotraernos varios anos atrás, no 2019 iniciouse un informe técnico de reposición da legalidade, que desembocou en tres multas coercitivas; por un valor total de 13.000 euros; e entremedias aprobouse tamén o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia”. Todos estes pasos previos permitíronnos chegar agora a esta situación tan favorable de ser o Concello de Cervo o titular da estrutura e da parcela na que foi levantada no ano 2007, e que pretendía albergar 42 vivendas, con garaxes e rochos, en 7 niveis diferentes”.
Tal e como subliñou Villares, “con estas actuacións queremos poñer en valor toda esta zona tan privilexiada do noso Concello, como é a Atalaia, que, coa nova Praza e co Centro de Arqueoloxía, sumará atractivos para desfrute da veciñanza e tamén das persoas que se acheguen a visitarnos”.