Crean cinco obradoiros de emprego máis na provincia

RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 2,5 millóns de euros a financiar cinco novos obradoiros duais de emprego.
APROLRURAL emprego traballo operario peon
24 sep 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 2,5 millóns de euros a financiar cinco novos obradoiros duais de emprego na provincia de Lugo tras aprobar unha ampliación do crédito da convocatoria de 2022, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen explicou que grazas a este incremento concédense dous programas individuais – Restauración e arquivo dixital en Monforte de Lemos e Camiño de Santiago III en Sarria - e tres compartidos - Vía Künig IV, impulsado polo concello de Becerreá asociado con As Nogais e Baralla; Ponte de Areas VI, que comparte O Páramo con Guntín e O Corgo; así como Eo-Navia III, que promove A Pontenova coa Fonsagrada e Negueira de Muñiz -.

Cada iniciativa percibirá unha axuda autonómica de 503.987 euros e contará con 20 prazas para o alumnado, ademais das destinadas a persoal de dirección, administración e docentes.

“Deste xeito a Xunta aproba todas as solicitudes presentadas na provincia de Lugo”, subliñou Arias, quen lembrou que na primeira fase, resolta no mes de xullo, xa foran concedidos 16 obradoiros cun investimento de 8,2 M€.

“Finalmente a provincia contará con 21 novos talleres que suman 10,7 millóns de euros e benefician a 57 concellos, polo que o 85% dos municipios lucenses terá este ano un obradoiro dual financiado polo Goberno galego”, apuntou.

Afirmou que a súa posta en marcha suporá a contratación de 420 persoas desempregadas que recibirán formación durante un ano, xa que unha das principais novidades nesta edición é que a duración da actividade aumenta dos 9 aos 12 meses.

0.096282005310059