Crean a base de datos do Centro español de documentación espeleolóxica
A Confederación de Espeleología y Cañones (C.E.C.) custodia, en colaboración co Concello de Mondoñedo e da Federación Galega de Espeleoloxía (F.G.E.), os fondos documentais da espeleoloxía española no Centro Español de Documentación Espeleológica (C.E.D.E.) situado no Pazo de Santo Tomé, en Mondoñedo. Con motivo do inicio dos traballos para catalogar e crear unha base de datos con todos os fondos que garda este centro, na mañá de hoxe visitaron as instalación do centro o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, e a primeira tenente de alcalde, Elena Candia, deputada autonómica. No municipio da Cova do Rei Cintolo, a creación deste servizo consolida o carácter de Mondoñedo como destino turístico con interese espeleolóxico, en cuxa promoción traballa activamente o Concello.
O centro abriu as súas portas cun total aproximado de 3.000 volumes, aos que hai que sumar as diferentes donacións que durante todo este tempo estiveron chegando ao mesmo. Unha das primeiras actuacións que precisa o C.E.D.E. é catalogar e crear una base de datos de todo o que está nestes fondos. Esta tarefa comezou, grazas a una subvención outorgada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. É este un gran proxecto que nace no ano 2019 e que ten por obxecto centralizar a documentación histórica e futura da actividade espeleolóxica, para poder poñela a disposición do conxunto da sociedade española.
Dende o pasado día 10 de agosto a empresa Unayta, que conta con ampla experiencia na xestión arquivística, leva a cabo este traballo de catalogación dos fondos do arquivo espeleolóxico. Esta acción é necesaria, é supón un primeiro paso para conseguir o obxectivo marcado: dixitalizar todo o fondo de exploracións e actividades da espeleoloxía española ao longo dos anos. E con este obxectivo, desde a C.E.C., a F.G.E. traballan en colaboración do Concello de Mondoñedo.
Entre os fondos deste centro figuran máis de 3.500 publicacións de espeleoloxía, entre elas, libros e revistas procedentes de todo o mundo, así como informes, planos topográficos, carteis, fotos e documentación en soportes como CD ou DVD. Igualmente, ten fondos da biblioteca da Confederación de Espeleología y Cañones e da Federación Galega de Espeleoloxía. Entre outras procedencias, conta con documentos de Romanía, Polonia, Brasil, Canadá, México, Alemaña e Portugal.