Cova Rock regresará a Burela cun concerto especial de Can Rock na Praza da Mariña

Burela prepara unha nova edición do Cova Rock, que terá lugar o venres 5 de decembro de 2025, ás 20:00 horas, na carpa instalada na Praza da Mariña. A Asociación Musical Cova do Can, organizadora do evento, volve apostar por unha proposta aberta ao público e centrada na música en directo, coa colaboración do Concello de Burela e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O protagonismo da velada recae nesta ocasión en Can Rock, formación coñecida polas súas galecovers, versións en galego de temas moi populares que se teñen convertido nun sinal de identidade do grupo. A banda contará, ademais, con convidados especiais procedentes da propia vila, que subirán ao escenario para interpretar algúns temas de forma conxunta.
Entre os artistas locais confirmados figuran ACM Arume, Andrelo —integrante do grupo Los Pontiaks— e Fer, o gaiteiro, aínda que a organización adianta que o público poderá levarse algunha sorpresa máis durante o espectáculo. O concerto será de entrada libre e ofrecerá tamén servizo de bar e merchandising. A documentación gráfica do evento correrá a cargo do Club Fotográfico IMAXE de Burela.