Cortada ao tráfico a rúa Luz Pozo Garza, por mor das obras de mellora
Desde hoxe está cortada ao tráfico a rúa Luz Pozo Garza, por mor das obras de mellora que realizará o Concello. O investimento ascende a 200.000 euros e o prazo de execución será de 4 meses.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, explicou que “este vieiro estará cortado ao tráfico nas vindeiras semanas, xa que dan comezo as obras de mellora e humanización desta área urbana que se atopaba deteriorada por mor de sucesivas reparacións. Os residentes poderán acceder aos seus garaxes”.
A edil ribadense explicou que “a rúa Luz Pozo Garza contará cun novo pavimento de aglomerado asfáltico e con novas beirarrúas, tamén se implementarán novas tubaxes de abastecemento de auga, unha nova canalización de saneamento e unha nova rede de alumeado led”.
Freire Rancaño engadiu que “ademais na rúa Virxe do Camiño, fronte ao Xardín de Indianos e tamén na marxe contra a capela da Virxe do Camiño, vaise substituír o pavimento existente na beirarrúa e procederase á renovación das luminarias.Tamén se procederá ao pintado dos bordes e prazas de aparcamento, á sinalización horizontal e vertical e á dotación de mobiliario urbano e árbores”.
O investimento ascenderá a preto de 200.000 euros, financiados a través dun convenio de colaboración asinado coa Deputación de Lugo.
A concelleira de Obras subliñou: “estas obras supoñen unha decidida aposta pola humanización desta área, pola calidade de vida e pola recuperación de espazos nesta zona da nosa vila”.
Mónica Freire pide disculpas polas molestias que estes traballos poidan ocasionar: “facer obras sempre implica causar algunhas molestias á veciñanza, tanto aos que viven na zona afectada como aos que acostuman a transitar por ela. Desde o Concello pedímoslles disculpas e tamén comprensión. Agardamos que os traballos marchen a bo ritmo e que pronto sexan unha realidade”.