Correlingua leva a festa do galego a Burela, Monforte e Lugo
Correlingua volverá encher toda Galicia da reclamación festiva do uso do galego en todos os ámbitos, pero especialmente entre o alumnado. Correlingua desenvolverase en once localidades no vindeiro mes de maio e en cada unha delas participarán alumnas e alumnos dos centros da súa contorna. Concertos, festas, regueifas, obradoiros, concursos son o centro dunha actividade que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición.
Todas as actividades que convertirán o vindeiro de mes de maio nunha festa das escolas na Galicia foron presentadas no Concello de Santiago poñendo especial fincapé na importancia de traballar coa xente nova para garantir desde a festa e a celebración o futuro da lingua.
Na presentación participaron representantes das entidades organizadoras, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, Anxo Terán, presidente da AC Correlingua, Celia Armas, secretaria da Mesa pola Normalización Linguística, Xerardo Rodríguez Roca, da AS-PG, e Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino. Entre as entidades colaboradoras figuran as deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e os concellos de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo, ademais do de Santiago.
Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, explicou na presentación de Correlingua a importancia de eventos que chamen pola xuventude e pola rapazada para reivindicar o uso do galego, e que o fagan de maneira “festiva, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o noso idioma e a nosa cultura”.
Os representantes das tres entidades organizadoras, CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS_PG, sinalaron a importancia dunha cita que pronto acadará un cuarto de século reivindicando de xeito festivo o dereito ao uso da lingua propia entre as xeracións máis novas. Unha festa na que está implicada toda a comunidade educativa e a as localidades nas que se celebra,
Para Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, “Correlingua é moito máis que unha carreira, é unha festa e tamén é unha reivindicación do dereito das persoas a vivir no seu idioma”. O secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que en 2000, cando comezou a celebrarse Correlingua “a situación do galego no ensino e na sociedade era dun devalo claro”. Bermello recapitulou a situación da lingua desde entón, salientando por unha banda o esforzo para todas as institucións que facilitan a súa celebración, pero chama a atención que a institución que ten todas as competencias, a Consellería de Educación, non participe”.
Celia Armas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, explicou as dimensións do Correlingua para este ano, apuntou as datas de celebración das festas que decorrerán o mes de maio engandido que “todas as iniciativas que promove o Correlingua nos centros supoñen na práctica que o “Correlingua estea en marcha todo o ano escolar”. Tamén salientou o feito de que Correlingua cumpra 24 anos o que a convirte “nunha das principais referencias na defensa da lingua”.
O presidente da asociación Correlingua, Anxo Terán, sinalou a importancia de todas as actividades que o evento realiza nos centros, os obradoiros os concursos, os encontros con autoras, actividades que mobilizan aos centros e que tamén mobilizan sectores da cultura do país como o musical, Terán deu a coñecer os gañadores da convocatoria do Correlingua deste ano que, en total, distinguiu cinco cancións de outras tantas formacións.
Estas bandas e solistas serán as encargadas de animar as festas nas once localidades que este ano visitará o Correlingua. En primeiro lugar será Gramola Gominola coa canción ‘Superlingua’, en segundo Cuarta Xusta coa canción ‘Presumo de galego’, en terceira posición Mekánika Rolling Band coa canción ‘Miña nai’ e en cuarto lugar e empatados Paco Nogueiras coa canción ‘Festa!’ e Pauliña con ‘Pauliña sen faser nada’.
Calendario de carreiras e festas do Correlingua en maio
- Venres 3 - A Coruña ao pé da Torre de Hércules
- Luns 6 - Narón no Auditorio Municipal
- Martes 7 - Bueu na Praza de Massó
- Mércores 8 - Lugo na Praza de Sta María
- Mércores 15 - Ourense no Auditorio e na Praza Maior
- Luns 20 - Compostela na Alameda
- Martes 21 - A Estrada na Praza da Feira
- Xoves 23 - Vigo no Parque de Castrelos
- Venres 24 - Monforte na Praza dos Condes
- Luns 27 - Pontevedra na Alameda
- Mércores 29 - Burela na Praza da Mariña