Corenta establecementos de Ribadeo súmanse ao Black Friday
Corenta establecementos comerciais asociados a Acisa Ribadeo ofrecerán interesantes promocións e descontos durante o Black Friday os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, comentou que “durante tres días a veciñanza de Ribadeo e as persoas que se acheguen á nosa vila poderán atopar importantes descontos en moitos sectores: informática, telefonía, decoración, moda home, moda muller, moda infantil, calzado, mercerías e lencerías, tallas grandes, xoiaría, bebés, complementos, ópticas ou agasallos, entre outros. Como facemos sempre queremos aproveitar para recordar a importancia que ten mercar en Ribadeo, onde atoparemos un trato próximo e personalizado e onde podemos ver e tocar os produtos. No comercio de Ribadeo sempre haberá unha cara amable á que poder acudir”.
O xerente de ACISA, Jesús Pérez, dixo: “En Ribadeo seguimos a sacarlle proveito aos domingos, xa que na maioría das cidades e das vilas esa xornada xa non se celebra o Black Friday por que non se abre, pero en Ribadeo si, algo co que marcamos a diferenza. Deste xeito o cliente pode aproveitar tamén o domingo pola mañá para facer as súas compras e beneficiarse das ofertas e descontos que atopará nos negocios asociados. o noso Black Friday de tres días coincide tamén coa campaña das Panchas, na que por cada 30 euros o Concello de Ribadeo regala 10, é dicir recibimos 40 panchas. Entón consideramos que é un bo momento para aproveitar os descontos do Black Friday empregando tamén a moeda local ribadense. Un ano máis, esta é unha moi boa ocasión para vir mercar á nosa vila”.
Carmen Cruzado contou que “toda a información detallada das ofertas do Black Friday, pódese encontrar na nosa web ou nas nosas redes sociais. Hai grandes promocións, descontos do 10, 20 ,50 %, zonas outlet, 2x1 en produtos e servizos, e diversas ofertas... por iso animamos a todos as nosas veciñas e veciños e visitantes a consultalos. Seguro que encontran mais dunha opción moi interesante”.
Os establecementos participantes no Black Friday 2024 de Acisa Ribadeo son: Calzados la Moda, La Moda Básico, Cuatro Vientos, La Moda Sport, Mika, Pequerrechos, Glass, Opticalia, Mercería Torviso, Terra Branca, Fauna, Grisi, Beep Ribadeo, Miss-Tic, Siñeiro Hogar, Anais, La Coqueta, For Friends, Bora Bora, Sanjurjo, Esprit, Óptica Miró, Ginzo Hombre-Mujer, Sendín, Naná, Xardineo, Menfer, Casa Mandarina, Pepa Peineta, Boutique Pippol´s, Boutique Valentina, Boutique Del Rio, Farfala, By Hortensia, Deportes Docobo, Óptica Carreira, OVS Kids Ribadeo, Coco, Jatay e Ohana.