Convócanse as axudas de incorporacións de plans de mellora

TerraChaXa | AMariñaXa
O Consello da Xunta coñeceu  os pormenores da orde de axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas –coñecidas como plans de mellora–, para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
25 Maio 2019

O Consello da Xunta coñeceu  os pormenores da orde de axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas –coñecidas como plans de mellora–, para a creación de empresas por persoas agricultoras mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e publicaranse a próxima semana no Diario Oficial de Galicia cun orzamento de 42 millóns de euros.
En concreto, reservaranse 14 millóns de euros para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria, 25 millóns de euros para o apoio aos investimentos en explotacións agrícolas (os chamados plans de mellora) e 3 millóns de euros para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Debido á programación plurianual do PDR a cantidade é inferior ás axudas do ano pasado, que ascenderon a 65 millóns de euros (40 millóns para plans de mellora, 20 para incorporación de mozos e 5 para a creación e desenvolvemento de pequenas explotacións).
Nesta cuarta convocatoria dentro do actual PDR non haberá cambios respecto ao ano anterior. Unha vez publicada a orde no DOG, iniciarase o período de presentación de solicitudes que estará aberto durante un mes para que os interesados poidan empezar a preparar a documentación necesaria.
Respecto os criterios de valoración para as achegas a incorporación de persoas mozas, a axuda concederase pola execución do plan empresarial e consistirá nunha contía básica establecida en 20.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.
No caso dos plans de mellora, o importe da axuda será do 30% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios como o feito de ser agricultor/a mozo/a, por realizar un investimento de carácter colectivo, por desenvolver actuacións en zonas con limitacións ou por executar accións relacionadas con medidas agroambientais e coa agricultura ecolóxica, entre outros.
No que respecta ás pequenas empresas, a axuda ascende a 15.000 euros e concederase pola execución do plan empresarial, que terá unha duración de 1 8 meses desde a aprobación desta.
Por outra banda, a Xunta destinará este ano un total de cinco millóns de euros a apoiar o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará en breve a correspondente convocatoria de axudas, ás que poden optar as cooperativas agrogandeiras galegas.
Así, as cooperativas interesadas terán logo un mes de prazo para presentar as súas solicitudes. O obxectivo destas achegas, que xestiona a Consellería do Medio Rural, é promover a racionalización do uso dos factores de produción mediante proxectos de carácter agropecuario de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas.
O importe da axuda será do 40% dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 60% en función da aplicación de diferentes criterios, relacionados con operacións en agricultura ecolóxica, fusión de cooperativas, investimentos en zonas con limitacións naturais ou vinculadas á innovación.
Nesta liña, establécese un investimento mínimo subvencionable de 100.000 euros. Estas axudas están cofinanciadas nun 7,5% pola Administración xeral do Estado, nun 17,5% pola Xunta de Galicia e nun 75% polo fondo europeo Feader.

0.099601984024048