Convocan unha reunión en Foz para informar ás persoas afectadas pola expropiación da A-74

Foz
AMariñaXa
O encontro busca asesorar sobre como reclamar un xusto prezo polos terreos, que pode triplicar o ofrecido pola Administración
proxecto-autovia-a74-mariña
29 May 2025

As persoas afectadas polo proxecto de expropiación da futura autovía A-74 ao seu paso polos municipios de Foz e Barreiros teñen a posibilidade de multiplicar o valor do prezo ofrecido pola Administración. Así o advirte a entidade O Defensor da túa Vivenda, que vén de convocar unha reunión informativa para o vindeiro xoves 5 de xuño ás 18:00 horas no colexio Martínez Otero de Foz.

Segundo explican desde a organización, a valoración inicial dos terreos realizada pola Administración adoita situarse moi por debaixo do valor real. Isto, sumado ao descoñecemento por parte da veciñanza afectada, que nalgúns casos acepta a proposta sen saber que pode aspirar ata a triplicar ou cuadriplicar a cantidade ofrecida, deriva en perdas económicas importantes.

Un dos puntos fundamentais que se abordarán no encontro é o relativo á chamada “folla de aprecio”, un documento no que a persoa expropiada propón un valor para a súa finca. “Ese valor é crucial, porque marca o máximo que poderá recoñecer o Xurado de Expropiación”, indican desde O Defensor da túa Vivenda. A partir desa cifra, o órgano encargado de resolver pode decidir un incremento do prezo fronte ao inicialmente ofrecido pola Administración.

A entidade organizadora busca con esta reunión achegar ferramentas e información útil ás persoas afectadas para que poidan defender os seus dereitos no procedemento de expropiación. “Queremos que coñezan ben cada fase do proceso e que entendan a importancia de non aceptar a primeira oferta sen informarse”, sinalan.

A convocatoria está aberta a toda a veciñanza dos concellos implicados na construción da autovía, que une diferentes puntos da Mariña e que afecta a numerosos propietarios de terreos en zona rural.

⚙ Configurar cookies
0.18333387374878