Convocan unha nova edición do concurso de karaoke Viveiro Canta
O Concello de Viveiro anuncia unha nova edición do concurso de karaoke Viveiro Canta, enmarcado no programa das Festas Patronais de Viveiro. Será o día 7 de agosto ás 21.00 na praza maior. A terceira edición está de novo dirixida ao público de todas as idades, e terá dúas categorías, unha infantil e xuvenil e outra adulta. Un xurado profesional decidirá os gañadores do certame e entregará premios en cada categoría.
As prazas para participar no certame son limitadas, polo que será necesario realizar unha inscrición previa. Esta poderá ser realizada no teléfono 982560162 ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es. Deberán facilitarse os seguintes datos: nome, apelidos, idade, teléfono de contacto, canción que se cantará e autoría da mesma.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, anima “a toda a veciñanza a participar neste evento, que se está a converter nun dos máis destacados dentro das festas patronais co éxito acadado nos dous anos anteriores”.