Convocan en Burela o I Concurso de Pintura e Arte Urbana en Contedores
O Concello de Burela, a través da Concellería de Cultura, convoca o I Concurso de Pintura e Arte Urbana en Contedores Contén-Arte, que se desenvolverá entre o 31 de agosto e o 1 de setembro. O concurso está aberto a persoas ou grupos de persoas maiores de idade, que poderán presentar un só proxecto, orixinal e inédito. Serán seleccionadas ata un máximo de 10 persoas participantes, que deberán facer, con técnica libre. unha obra relacionada co mundo do mar.
As inscricións deberán incluír boceto da obra, título, datos persoais, fotos do DNI de cada participante, teléfono e correo electrónico da persoa responsable, lista de material necesario e número de conta bancaria. O prazo de inscrición estará aberto ata o 9 de agosto ás 14:00. Pódese consultar as bases completas na sede electrónica do Concello a través da ligazón.
“Queremos que Burela sexa un referente no arte urbano, e por iso apostaremos por esta e outras accións que transformen espazos en obras artísticas”, sinala a alcaldesa Carmela López. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, explica que a arte urbana nos contedores é “unha forma innovadora de transformar elementos cotiáns en obras de arte, facendo que o espazo público sexa máis colorido e Interesante”.
“A intervención artística nos contedores promove a reciclaxe e a xestión de residuos dun xeito creativo, facendo que a cidadanía se sinta máis involucrada na conservación do medio ambiente”, engade. Gómez subliña que “estas intervencións artísticas contribúen á revitalización dos espazos urbanos, reforzando o sentido de identidade local e orgullo comunitario”.