Convocan as axudas para os proxectos do Plan Leader dos GDR

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publica a resolución pola que se convocan as subvencións para a execución de proxectos de cooperación no marco da medida Leader.
traballo equipo pensar negocio
1 sep 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan as subvencións para a execución de proxectos de cooperación no marco da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2022 e 2023. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, estas axudas dirixidas aos grupos de desenvolvemento rural (GDR) contan cun orzamento de 922.000 euros, case o dobre dos 495.628 euros presupostados na convocatoria anterior.

A cooperación constitúe un elemento fundamental para o desenvolvemento das zonas rurais, xa que propicia a mellora das relacións entre territorios e facilita a transferencia de experiencias e coñecementos. A presente convocatoria -a segunda que se efectúa no actual período Leader 2014-2020- destinará o 25% do presuposto á anualidade de 2022 e o 75% restante ao 2023. Así, este ano están orzamentados 276.000 euros, mentres para 2023 irán 645.000 euros.

Cabe apuntar que na nova convocatoria se incrementa o importe máximo subvencionable dos proxectos, que pasa dos 100.000 euros ata os 150.000 euros por proxecto. Así mesmo,  inclúese a posibilidade de conceder aos grupos de desenvolvemento rural anticipos de ata o 50% da subvención concedida e regúlase a exención da obriga dos beneficiarios de achegar garantías polos pagamentos a conta que perciban.

A entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria, que regula novos instrumentos para a posta en valor dos terreos agroforestais e para a fixación de poboación, representa unha gran oportunidade para o desenvolvemento rural en Galicia. Por ese motivo, nesta nova convocatoria incorporouse a posibilidade de dar soporte a proxectos de cooperación vinculados a estes instrumentos, tanto aos orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra -como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo-, como aos destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como é o caso dos plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

A convocatoria pasada

A primeira convocatoria de proxectos de cooperación do actual período Leader 2014-2020 contou cun orzamento de 495.628 euros, tras a ampliación orzamentaria efectuada o ano pasado. Estes cartos mobilizaron un importe total de 550.698 euros no marco de sete proxectos, cun presuposto medio de 78.671 euros por iniciativa, grazas a unha axuda pública media de 70.804 euros.

Nesta convocatoria -actualmente en execución- participan un total de 20 grupos de desenvolvemento rural, que representan o 83,3% dos GDR galegos. Sete deles actúan como coordinadores de cadanseu proxecto, pero tamén participan noutros, ata sumar un total de 33 participacións.

Cómpre engadir que dúas das iniciativas contan coa participación de grupos de desenvolvemento rural doutras comunidades, en concreto, cun de Estremadura e varios de Castela e León. Ademais, outros dous proxectos teñen carácter transnacional ao contar coa participación doutros grupos da Unión Europea, concretamente un de Romanía e outro da República Checa. Tamén participan outras 28 entidades públicas e privadas, como universidades, fundacións ou empresas.

Os proxectos abarcan diversas temáticas, como a posta en valor dos produtos gastronómicos das zonas rurais, a promoción de circuítos curtos alimentarios, a valorización da cultura vinculada ao monte, a aplicación de novas tecnoloxías para a posta en valor do patrimonio, a sustentabilidade nos eventos culturais, a mellora no emprendemento e na empregabilidade no ámbito rural, ou o impulso á viticultura e ás indicacións xeográficas protexidas (IXP) dos viños de Galicia.

Estes proxectos implican territorios de 261 concellos galegos (o 85% da superficie rural de Galicia), onde vive case o 90% da poboación rural galega (1.290.000 persoas). 

Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220831/AnuncioO90-220822-0001_gl.html

0.18657493591309